Metrominuto inspira á Comunidade de Madrid
Por Alejandro Espiño
A iniciativa Metrominuto, impulsada por Pontevedra para fomentar a mobilidade peonil, segue sendo imitada por outras rexións. Unha das que máis avanzou en crear un programa similar, unindo nun mapa diferentes puntos de interese con itinerarios a pé e informando do tempo que se tarda en completalos, é a Comunidade de Madrid.
Rebautizado como Metrominuto: Rexión Activa, foi adaptado pola consellería de Educación, Mocidade e Deporte. Con ela, buscan "desmitificar" o tempo que se tarda en camiñar nos desprazamentos máis comúns, utilizando para iso unha iconografía baseada no metro das grandes cidades para facelo máis atractivo e entendible para os cidadáns.
A iniciativa parece estar "a calar" na comunidade. Actualmente son xa oito os mapas que están activos, a maioría en pequenos e medianos municipios como Chinchón ou Guadarrama pero tamén nalgunha cidade como Xetafe.
Varios máis están en elaboración, explican desde o goberno rexional de Cristina Cifuentes.
Madrid pretende así promocionar a mobilidade activa, fomentar o camiñar como proposta de actividade física saudable no medio urbano e interiorizar a mobilidade como elemento para reducir o sedentarismo e romper con períodos prolongados de inactividade.
Ademais, tamén buscan dar a coñecer os recursos existentes para realizar actividade física e deportiva, coñecer a propia contorna do municipio e facilitar información e experiencias que minimicen o medo para saír de contornas limitadas.
Para desenvolver estes planos, a participación cidadá está a ser fundamental. A través de colectivos de maiores ou, na maioría dos casos, unha escola local, a comunidade logrou ir ampliando a cobertura doseu Metrominuto, ao entender que a implicación social é "determinante" para a proxección do programa.
O goberno madrileño, pola súa banda, ofrece todos os materiais necesarios para a confección do mapa -editou para iso mesmo unha unidade didáctica coas instrucións para impulsar o Metrominuto nos respectivos municipios que se entregou nos colexios- e facilita o deseño final en diferentes formatos para que poida ser difundido.
Nos últimos anos, o Metrominuto pontevedrés tivo réplicas por municipios do país como A Coruña, Málaga, Salamanca, Xerez ou Xátiva ou mesmo en grandes cidades europeas como París e Florencia, entre outras.
Relacionadas:
-
A Deputación elaborará 'Metrominutos' para os 'Concellos Ágora'
Por Redacción |
-
"Paseemos e compremos no barrio de Monte Porreiro"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
O Metrominuto chega a Monte Porreiro acompañado dunha guía comercial
Por Redacción |
-
Editan 17.000 exemplares do Vaiapé, o metrominuto de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Metrominuto terá a súa propia APP para dispositivos móbiles
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, referencia para os municipios españois na redución da velocidade nas cidades
Por Redacción |
-
Ao Metrominuto nácelle un primo irmán, o MetroBici
Por Redacción |