Propoñen nomear o cineasta Chano Piñeiro como fillo adoptivo de Ponte Caldelas
Por Redacción
A asociación cultural Somos Ponte Caldelas quere promover unha homenaxe ao cineasta galego Chano Piñeiro, que falecía hai 23 anos. Dentro desta proposta pide ao grupo de goberno do Concello que se inicie un expediente que finalice co nomeamento como Fillo Adoptivo pola vinculación que o director de 'Sempre Xonxa' mantivo con este municipio, tanto desde a súa infancia como na súa etapa máis creativa.
Tamén solicitarán que o Centro Cultural se denomine 'Casa de Cultura Chano Piñeiro'. Queren tamén levar a cabo unha mostra fotográfica na Sala de Exposicións do Centro Cultural na que se recollan os momentos máis significativos da vida do cineasta creador da película 'Mamasunción'.
Ademais, reclaman tamén que o cantautor Suso Vaamonde reciba o recoñecemento institucional e público por parte do Concello coa denominación dunha das rúas do centro da vila co nome deste músico galego. Neste sentido, os integrantes de Somos Ponte Caldelas ten previsto desenvolver un festival musical no que participen grupos e solistas da música galega que rendan homenaxe a Suso Vaamonde. O cantante estivo moi unido a Regodobargo, lugar onde gozou da súa infancia e onde se esparcieron as súas cinzas.
Por outra banda, está previsto que se organice unha exposición no Instituto de Ponte Caldelas sobre igualdade. Será entre o 3 e o 13 de abril. Traballaranse valores non sexistas e propostas contrarias á violencia machista.