Rakayfe e diu farin para unir culturas na Cruz Vermella
Por Clara Alonso
A Cruz Vermella de Pontevedra celebraba este 22 de marzo a oitava edición da súa Xornada Cultural. A actividade, en conmemoración ao Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial, realizouse este ano ao redor da música baixo o nome de "Música de ida e volta" coa colaboración do gaiteiro Óscar Ibáñez.
Esta xornada consiste nunha festa intercultural. Os participantes colaboran neste día vestindo os traxes típicos e con pratos tradicionais feitos por eles como rakayfe, ou pajrir de Marrocos, un gogosh de Romanía, uns golfeados de Venezuela, soupa brasiñela de Brasil, boliñas de atún de Ghana ou un diu farin de Senegal.
A achega galega á xornada veu dada da man do músico Óscar Ibáñez, quen acompañou a merenda cun concerto de gaita e frauta con temas do seu último disco Alen do Mar.
O obxectivo do evento céntrase en conseguir un achegamento entre as persoas das distintas culturas (senegaleses, ganeses, nixerianos, marroquís, brasileiros, romaneses, rusos, paquistanís, venezolanos...) e tradicións así como promover a sensibilización sobre o tema da inmigración e o respecto pola convivencia.
Os asistentes das distintas nacionalidades que acudiron forman parte do Programa de Inmigrantes da Cruz Vermella. Participan nas distintas actividades promovidas pola organización como clases de Lingua Española, preparación aos exames de Nacionalidade Española ou atención integral individualizada a inmigrantes no ámbito social, xurídico e administrativo.