A oposición pregunta polas denuncias contra o xerente do CHOP por incumplir a Lei de incompatibilidades
Por Oskar Viéitez
Na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego debateuse este venres unhas preguntas formuladas pola deputada do BNG, Montse Prado, referidas á situación na que se atopa o xerente do complexo hospitalario de Pontevedra, José Manuel González, logo das denuncias efectuadas por un grupo de traballadores diante da Fiscalía e o Valedor do Pobo.
Estes traballadores acusan ao xerente, entre outras cousas, de incumprir as Leis de incompatibilidades e de Saúde de Galicia, de realizar viaxes pagados por unha empresa farmacéutica, de ter trato de favor á súa muller e de prepotencia, ameazas e coaccións aos profesionais do complexo hospitalario.
O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Antonio Fernández-Campa, afirmou que o proceso interno está en marcha, un expediente de información previa, "é o que se ten que facer. Temos aberto unha información previa de carácter reservado, pendente do coñecemento das conclusións".
A oposición pediu explicacións polo feito de que o xerente compaxine desde abril do 2012 o seu cargo no sistema sanitario público co de apoderado na empresa Plan B Inversiones, adicada a "actividades de intermediación en operacións con valores e outros activos", con domicilio social no seu propio enderezo particular, e co seu fillo como administrador.
A deputada nacionalista esixiu que se adopten medidas "cando xurden casos de persoas que realizan estas malas prácticas".
Pola súa banda a parlamentaria socialista, Carmen Acuña, citou ao Secretario Xeral Técnico da Consellería de Sanidade, "a anulación do cese do Dr. Astray, de Dixestivo, que o TSXG obrigou a restituír no posto. Tamén a Xustiza obrigou a devolver a xefatura de Neumoloxía ao doutor Temes e anular o nomeamento feito polo xerente. Está por ver o que pasará coa Xefatura de Psiquiatría, onde cesou ao Dr. Pereira, sen esquecernos da sentencia en contra pola sanción administrativa imposta polo xerente a dous médicos de Neumoloxía", denunciou.
Acuña requiriu ao Secretario Xeral da consellería de Sanidade "os prazos para determinar se hai incompatibilidades", e se a empresa participada polo xerente do CHOP xa está amoblando ou facendo os xardíns do Hospital de Burela ou unha filial nas que tamén ten participacións.
Relacionadas:
-
Piden a Sanidade e a Feijóo o cese "fulminante" do xerente do CHOP polas súas incompatibilidades
Por Alejandro Espiño |
-
A Consellería de Sanidade arquiva o expediente ao xerente do CHOP
Por Oskar Viéitez |
-
José Manuel González: "Este gerente no ha desempeñado ni está desempeñando ninguna actividad privada"
Por Oskar Viéitez |