Pontevedra segue a incrementar a súa poboación e supera os 84.000 habitantes
Por Redacción
Pontevedra xa supera a cifra de 84.000 habitantes. En concreto ao peche do ano 2017, o número de veciños inscritos no padrón municipal de Pontevedra situábase en 84.007. incrementándose en 162 respecto ao ano 2016.
Con todo, os datos mostran que ese aumento céntrase no centro urbano do municipio. O rural experimenta un descenso sumando 20.199 persoas fronte ás 63.808 que residen na cidade.
As parroquias que medran, van facéndoo de maneira moi moderada como é o caso de Salcedo e Mourente, con tres e catro veciños novos en 2017 ou A Canicouva, con tamén catro novos inscritos. A parroquia con maior poboación segue sendo Lourizán, que tamén é a que rexistra un maior aumento demográfico, con 13 novos habitantes ao longo de 2017, situándose en 3.112 veciños. O resto de parroquias, once, foron perdendo habitantes durante o último ano.
Outro dos datos preocupantes para o goberno local é que segue en descenso o número de menores con idades por baixo dos 4 anos. A cifra rexistrada en 2017 neste tramo de idade é de 3.419, mentres que o ano anterior a cifra era de 3.470, aínda que os nacementos no último ano aumentaron logrando a cifra de 634, rompendo a tendencia de baixada que levaba durante os últimos catro anos. Tamén aumenta o número de estranxeiros no municipio, situándose en 3.682 veciños procedentes doutros países, principalmente de Portugal, Brasil e Marrocos. En 2017 falecían 713 persoas no Concello de Pontevedra.
En canto a poboación de avanzada idade, o dato tamén reflicte un aumento de persoas que superan os 65 anos chegando ao número de 16.762, de forma que hai 200 veciños máis en idade de xubilación que en 2016 e 3.388 máis que nos datos do padrón de 2008.
Relacionadas:
-
Unha Pontevedra cada vez máis urbana sitúase por enriba dos 84.000 habitantes
Por Alejandro Espiño |
-
2018, un ano pesimista para a natalidade na área sanitaria de Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
A Boa Vila goza de 44 veciños centenarios
Por Redacción |
-
66 parellas casaron con voda civil no Concello durante 2017
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, máis preto dos 84.000 habitantes
Por Redacción |