O PP alerta da "bochornosa imaxe" que dá Pontevedra ao non ter bar no pavillón municipal
Por Redacción
O grupo municipal do PP de Pontevedra centrou este sábado as súas críticas na actuación do goberno local en relación co Pavillón Municipal dos Deportes e a súa "preocupación" ante a "sospeita" de que este próximo luns 2 de abril vaise disputar nas instalacións un partido internacional entre as seleccións de fútbol sala de España e Finlandia sen que estean solucionados os problemas que denuncian desde hai tempo, centrados na ausencia do servizo de bar e na accesibilidade das persoas con diversidade funcional.
"Previsiblemente se repetirá a mesma situación esperpéntica que se viviu hai poucos días en dúas ocasións", denunciou este sábado o concelleiro do PP Tomás Abeigón, que lembra ao gobierno local que se produciron "numerosas queixas" con motivo do partido entre as seleccións de balonmán de España e Arxentina e do Campionato de España Escolar e Cadete de Loitas Olímpicas.
Abeigón considera que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "debería pararse a pensar na bochornosa imaxe que ofrece Pontevedra" cando un deportista ou un espectador nun evento deportivo desta magnitude non pode tomar un café ou "adquirir un mísero bocadillo ou unha simple botella de auga".
Na súa opinión, "Lores no descanso debería baixar do palco onde ten un catering á súa disposición e saber o que pasan os espectadores que acoden ao Pavillón Municipal dos Deportes".
O PP considera que a actitude do goberno local sobre estes problemas amosa unha grande "desidia" e "non ten desculpa" en tanto que actúa con "desprezo" ante asuntos deportivos que "son xa un mal endémico dun goberno neglixente e que non respecta a vontade do pobo ao incumprir constantemente os acordos plenarios.
Ao respecto, Abeigón lembra que houbo dous acordos plenarios a raíz de sendas mocións do PP que instaban ao goberno a licitar o servizo de bar e solicitaba favorecer a accesibilidade do Pavillón Municipal dos Deportes adaptándoo ao público con diversidade funcional.
Relacionadas:
-
Portas abertas no Municipal para os adestramentos da Selección Española de fútbol sala
Por Diego Espiño |
-
José Venancio desvela a convocatoria da Selección Española de fútbol sala que xogará en Pontevedra
Por Redacción |
-
O PP reclama a licitación do servizo de cafetería no Pavillón Municipal dos Deportes
Por Diego Espiño |