Non esquezas este cogomelo! Acaba de ser descuberto en San Cibrán
Por Redacción
O micólogo pontevedrés Jaime B. Blanco-Dios, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois, acaba de atopar e estudar unha nova especie micolóxica que bautizou como Arrhenia sancibranensis e dedicou a San Cibrán, a quen se rende culto na parroquia pontevedresa de Tomeza.
O descubrimento será publicado nos próximos meses nunha revista internacional especializada en micoloxía, segundo adiantou o propio Jaime B. Blanco-Dios.
A Arrhenia sancibranensis é unha especie que vive parasitando brións e foi localizada durante o pasado Nadal nas ladeiras do monte de San Cibrán. Este é o motivo polo que se dedicou a este santo que, precisamente, este luns celebra o seu día grande en Tomeza.
Segundo explica o biólogo que a estudou, as caracteristicas microscópicas desta especie son claves para diferenciala das especies próximas, destacando a presenza dunhas singulares esporas cilíndricas, estreitas e alongadas, raras neste xénero.