Pouco meigallo que sanar en San Cibrán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os Luns de Pascua cúmprese na parroquia pontevedresa de Tomeza coa tradición de San Cibrán, o santo que elimina o mal de ollo. Pero este ano, a romaría mostrou unha imaxe decadente. Só se celebraron actos relixiosos e apenas se sumaron postos de venda de produtos típicos nos arredores da ermida, tampouco houbo charangas nin orquestras nin carpas para degustar o polbo.
A ausencia dunha comisión de festas provocou que só un centenar de fieis se achegara ata esta zona para espantar o "meigallo". O párroco acompañado por un músico cunha guitarra levou a cabo a eucaristía no exterior da capela para, a continuación, celebrar a procesión.
Nesta ocasión, o paso debaixo da figura do santo facíase dentro do templo e tamén se vendían no interior as herbas que, segundo a tradición, son necesarias para conxurarse contra a mala sorte.
Algúns dos fieis que asistiron á celebración si cumpriron co lanzamento das pedras por encima do tellado do santuario á vez que se dan nove voltas.