Veciños de Eduardo Pondal e Ponte Boleira paralizan durante dúas horas a instalación dos composteiros
Por Anxo Lourido
Indignados concentrábanse este mércores arredor das 08.00 horas da mañá veciños de Eduardo Pondal ante a plataforma que se están construíndo para a instalación dun novo composteiro comunitario nun illote. Paralizaron durante unhas horas a actividade ata a chegada de axentes da Policía Local, que levaron a cabo a identificación dalgúns dos veciños e alertáronos sobre a posibilidade de que se impedían os traballos se lles imporía unha sanción económica. Ata a zona desprazouse o portavoz do PSOE, Tino Fernández, acompañado polo ex concelleiro desta agrupación Julio Castela, residente nesta contorna. "Estamos apoiando os veciños ante as imposicións do BNG", indicou o portavoz do grupo municipal socialista, tras conversar con algúns dos manifestantes.
Luis Regueiro, un dos veciños de Eduardo Pondal, apuntou que decidiran levar a cabo esta acción porque entenden que desde o goberno local se lles esta "desacreditando" identificándoos co Partido Popular. Denuncian que en Eduardo Pondal instalouse o centro de compostaxe ás ocultas, que agora se está levando a cabo a creación dun segundo e temen que no mesmo illote se constrúa un terceiro. "As formas non son estas", indica Regueiro que manifesta que una corporación municipal debe "escuchar a la gente".
Os axentes "nos identificaron como si fuéramos delincuentes", reclamando o DNI de varias persoas de avanzada idade. Estes veciños en Eduardo Pondal consideran que estas instalacións devalúan a zona. Pregúntanse: quen vai montar un negocio diante dun composteiro?.
CONCENTRACIÓN EN PONTE BOLEIRA
Unha situación similar viviuse ás mesmas horas en Ponte Boleira. Alí outro grupo de veciños concentrábase ante a base na que está prevista a instalación do centro de compostaxe. Os traballadores da empresa encargada de levar a cabo a obra alertaba á Policía Local, que tamén acudiu á zona para evitar que se puidese producir algún incidente. A obra paralizouse durante unhas horas.
Estes veciños mostraban o seu enfado porque o composteiro se atopa fronte ao portal do seu edificio. Sinalan que eles non se opoñen ao plan de compostaxe pero si lle reclamaron que esta construción se realice uns metros máis abaixo, nas proximidades á horta urbana que se atopa nesta zona.
Os afectados manifestaban o seu malestar co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores co que lograron reunirse días atrás e díxolles que se estaban adiantando aos acontecementos cando denuncian que as ratas do río dos Gafos e os mosquitos rematarán trasladándose ata esta zona. "Iso vai poñerse si ou si porque o digo eu", aseguran que lles contestou Lores. "Iso verémolo", contesta Amalia, unha das veciñas que reclama ese traslado vinte metros máis abaixo da súa actual localización.
"O primeiro que tiña que facer o Concello sería vir falar cos veciños", indica José Antonio, que afirma que ninguén se puxo en contacto con eles para pactar unha localización para o composteiro. Este afectado indica que durante os últimos días achegouse ata o centro de compostaxe instalado na Cidade Infantil Príncipe Felipe e sinala que emite un cheiro "pestilente, algo asqueroso". "Se non quere vir Lores aquí porque cre que isto é un cortijo, que veña Carme da Silva, que non se meta debaixo da mesa", conclúe.
"Os veciños estamos de acordo coa compostaxe pero non ante a porta" apunta Mónica, outra das veciñas deste edificio en Ponte Boleira, que indica que non queren enfrontarse a ninguén, só reclaman que se escoiten as súas demandas.
"Se gaña Lores é porque o estamos votando e non pode dicir que somos do PP", lembra. E engade que o único que piden é que o despracen uns metros.
Os veciños desta contorna teñen previsto organizarse en plataforma con outros afectados como os residentes que se opoñen a estes composteiros comunitarios en Monte Porreiro.
Relacionadas:
-
A protesta contra os novos composteiros que quedou diluída
Por Clara Alonso & Sara López Lago & Anxo Lourido |
-
Os composteiros de Ponte Boleira e Camiño do Ferro, en funcionamento desde mañá
Por Redacción |
-
O PP insta a Lores a reunirse cos veciños de Eduardo Pondal
Por Redacción |
-
Veciños de Eduardo Pondal e Ponte Boleira paralizan durante dúas horas a instalación dos composteiros
Por Anxo Lourido |
-
Da Silva acusa ao PP de organizar un "ataque coordinado" para "boicotear" a compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Da Silva acusa ao PP de organizar un "ataque coordinado" para "boicotear" a compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños de Ponte Boleira opóñense á "inadmisible" instalación dun composteiro fronte a un edificio
Por Redacción |
-
O PSOE pide a Lores que evite facerse a vítima no debate sobre os composteiros
Por Redacción |
-
Lores sobre a oposición aos composteiros: "quen non queira colaborar polo menos que non poña paus nas rodas"
Por Redacción |