Son once mozas con idades entre os 13 e os 14 anos que levan tres practicando o balonmán nas filas do Teucro infantil feminino. O único equipo destas características na cidade de Pontevedra.
Esta próxima fin de semana poden proclamarse campioas galegas - e por segunda ocasión neste trieno -clasificarse para o sector estatal. Cal é a súa resposta ante o devandito partido?: "é un máis".
En PontevedraViva Radio compartimos charla con elas: Raquel Castro, Noelia e Nati Solla, Carla Baltasar, Aroa Viéitez, Lucía González, Antía Fernández, Naira e Mara González, Abi Alonso e Marta García; coa súa adestradora, Laura del Castillo; e con unha das dúas delegadas, Isabel Fernández.
Adestran tres días á semana, hora e media cada día; ao que se suman os partidos as fins de semana, en casa e fóra, alternativamente. A consecución para elas sería unha recompensa ao seu esforzo e para a entidade deportiva visibilizar este deporte desde a perspectiva feminina. Non celebran partidos gañados nin goles "por respecto ao contrario e porque por un partido gañado non ganas unha liga". Cando toca perder "é que non demos todo o que podiamos dar; e se o demos é que tampouco estivo mal e non puido ser". Son reflexións que estas xogadoras dan durante estas Conversas na Ferrería.
Asumiron unha natural disciplina durante os encontros e adestramentos - así como nas súas responsabilidades escolares- ; e son activas en implicación con causas sociais, dentro e fóra das canchas deportivas. Neste quebracabezas hai outras pezas fundamentais que son os pais e que distan moito de ser ese perfil de hoolingans de bancada que parecen proliferar nos últimos tempos. Que rendan estes exemplos!