O goberno provincial leva a pleno a adxudicación do mantemento da súa rede viaria
Por Redacción
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, agarda que o Pleno da Deputación aprobe este venres as adxudicacións de cinco lotes de obras para investir ata 4,4 millóns de euros anuais na rede viaria da Deputación dentro dun novo acordo marco.
Este novo acordo marco supón unha nova fórmula de xestión para obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial, tales como corrixir fochancas, pavimentos esvaradíos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos (entre outras) "de xeito eficiente, planificado, áxil e con garantías administrativas dentro dun contrato conxunto", afirmou Benítez.
Coa nova planificación a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán responsables das obras de mellora de firme necesarias.
Non será necesario reiniciar todo o proceso de contratación cada vez que se produza unha incidencia que dane a pavimentación dunha estrada nun ámbito concreto (un temporal, lumes, accidentes…), senón que só será preciso xustificar cada actuación tecnicamente para que a empresa responsable de cada área realice a obra.
A efectos prácticos, o novo acordo marco permitirá que, a partir do verán, -unha vez se formalicen os contratos coas adxudicatarias- se vaian executando obras menores en toda a provincia de xeito máis áxil dende que se detectan as deficiencias nas estradas.
Os técnicos do departamento de Mobilidade dirixido por Uxío Benítez, de feito, xa teñen preparados varios proxectos derivados para os que só faría falta a tramitación dos correspondentes plans de seguridade e saúde.
Relacionadas:
-
A Deputación inicia por Sanxenxo o plan de conservación de firmes na zona do Salnés
Por Redacción |
-
A piques de rematar as obras na estrada provincial Barrantes-Vilariño, en Cambados
Por Redacción |
-
O goberno provincial ri dun erro de WhatsApp do Partido Popular
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O pleno da Deputación aproba o cambio no modelo de conservación das estradas provinciais
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación destinará máis de 33 millóns en conservación de estradas durante o próximos catro anos
Por Diego Espiño |