Lores e Bará plantexan buscar convenios con empresas para estudantes de Restauración
A invitación que a directora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, Carmen Lorenzo, estendeulle a Miguel Anxo Fernandez Lores o pasado 26 de febreiro tivo a súa resposta.
Este venres 6 de abril o alcalde de Pontevedra, acompañado polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, percorreu as instalacións da única Escola de Restauración galega coa promesa de traballar pola súa visibilización.
Os representantes do concello pontevedrés puideron ver de preto o labor dos estudantes da escola, que se encargan de manter vivas moitas das obras pertencentes á cultura artística galega. Así, os alumnos puideron explicar o proceso que levan a cabo para restaurar pezas tan singulares como un sartego das Ruínas de San Domingos ou unha figura en mármore de Méndez Núñez.
Durante a visita, o xefe de estudos Álvaro Arizaga Castro lembrou a necesidade da escola de contar coa colaboración do Concello a través de convenios capaces de relacionar aos alumnos co patrimonio da cidade. A través da oferta de prácticas nas empresas privadas contratadas polo Concello pontevedrés dáse a oportunidade de poñer en contacto aos alumnos coas obras situadas no exterior do centro.
Bará puxo na mesa a posibilidade de iniciar un proxecto de información e asesoramento relacionado cos cruceiros pontevedreses. A deterioración do cruceiro da Praza da Leña e a policromía do das Cinco Rúas son dúas liñas de estudo onde xa estivo involucrado o centro en 2012, con potencial de ser retomadas.
Lorenzo, pola súa banda, lembrou a falta de difusión que sofre a segunda escola de restauración máis antiga de España fóra do ámbito da provincia, unha problemática da que Bará responsabiliza á Consellería de Cultura, que afirma, debería "presumir" máis de centro.
Relacionadas:
-
Aberto o prazo de inscrición para participar no IX Encontro de Restauradores
Por Redacción |
-
Denuncian o abandono do cruceiro de Faxil, que leva máis dun ano co varal torcido
Por Redacción |
-
Concello e Escola de Restauración traballarán man a man a prol da visibilización do centro
Por Mónica Patxot & Redacción |