Nin un día sen choiva nesta semana de abril
Por Redacción
Este abril está a gañarse a fama de chuvioso. O mes comezou coa advertencia por parte da Xunta de Galicia sobre unha alerta laranxa en temporal costeiro en Pontevedra, e desde entón as precipitacións só deron un día de tregua, o xoves 5, cando o sol fixo acto de presenza no ceo pontevedrés.
Co caudal do Lérez rexistrando os seus mellores datos da década, parece que esta nova semana segue a tónica que nos ten habituado o 2018, que tivo os seus primeiros meses con choivas por encima da media. Os paraugas seguirán en mans dos pontevedreses durante os próximos días, xa que as precipitacións persistirán a curto e medio prazo, cunha probabilidade que non baixará do 70%.
O luns empeza marcado pola inestabilidade atmosférica, tal e como informa Meteogalicia. Os ceos terán intervalos nubrados con chuvascos intermitentes, e con ventos que soprarán de compoñente norte con intensidade moderada. O martes, con todo, haberá vento noroeste moderado, con intervalos fortes ao principio de xornada no litoral, que baixarán de intensidade o mércores.
As temperaturas manteranse na normalidade para este período do ano durante toda a semana, con mínimas estables entre os 7 e os 10º C. As máximas, pola súa banda, irán descendendo, con temperaturas entre os 11 e 17º C. Alternaranse ceos moi nubrados con momentos de nubes e claros ata o mércores 11 de abril.
A partir do xoves 12, con todo, haberá un leve cambio na atmosfera pontevedresa. Soprará un vento moderado de compoñente sur as primeiras horas, que irá cambiando a norte cara á noite. O vento sur do venres fará que os valores de temperaturas tendan a ascender. Aínda que as choivas persistirán, con probabilidades aínda máis elevadas que os días anteriores, estas minorarán a súa frecuencia e intensidade.
As persistentes precipitacións nas Rías Baixas deixaron situacións de incidencias na cidade na primeira semana do mes, cunha infinidade de intervencións por parte da Policía Local e o Corpo de Bombeiros de Pontevedra por desprendementos en fachadas. En contrapartida, as insistentes choivas lograron finalizar a seca do río Lérez, cun abril que demostra que efectivamente, as augas son mil.