O PSOE denuncia que máis de 10 mil pontevedreses esperan pola súa valoración da dependencia
O Partido Socialista en Pontevedra puxo no seu punto de mira a situación desfavorable que, como afirman, vive a Lei de Dependencia na provincia. Dita norma xurídica foi aprobada no ano 2007 no goberno do socialista José Luis Rodríguez Zapatero, e en febreiro de 2018 recibiu un total de 1.712.109 solicitudes en toda España, sendo Galicia a sexta comunidade autónoma en número de peticións rexistradas.
O secretario xeral provincial dos socialistas, David Regades, expuxo nunha rolda de prensa este 9 de abril unha serie de datos relativos á devandita Lei que como explica, poñen en evidencia un retroceso na súa execución por parte do Goberno. En primeiro lugar, denuncia que o Estado deixou sen executar 44 millóns de euros de financiamento á dependencia recollidos nos orzamentos do Estado no ano 2017, un feito que cualifica como "preocupante". Ademais, indica que son máis de 10 mil pontevedreses os que esperan á resolución da súa dependencia, a metade do total de demandantes de toda Galicia.
Como problema engadido, indica Regades, está a demora da atención dos equipos de valoración. O socialista afirma que os expedientes tardan preto de 3 anos en levar a cabo, o que produce unha situación de desamparo de persoas en situación de dependencia, que non ven recoñecida a súa carteira de servizos. Ademais, explica, eses demandantes son na súa gran maioría persoas de avanzada idade, que en moitos casos falecen antes de recibir dita valoración.
O portavoz esixe ao Goberno que aquelas persoas dependentes recoñecidas reciban de maneira automática as súas correspondentes prestacións e servizos como resposta ao 312 mil cidadáns españois en situación de dependencia que carecen de calquera tipo de axuda. Para iso, pon en marcha unha moción conxunta entre os grupos socialistas dos 61 concellos galegos para reclamar á Xunta de Galicia unha actuación fronte unha problemática "orzamentaria".
A SITUACIÓN DOS CENTROS EN PONTEVEDRA
A deputada Patricia Vilán, pola súa banda, denunciou na súa intervención a situación de "deixadez" que están a vivir a Residencia do Maior de Campolongo e o centro de menores Avelino Montero, ambos situados en Pontevedra. Vilán conta que as 49 persoas asistidas na residencia de anciáns teñen dispoñibles só un baño xeriátrico e que o comedor non está adaptado aos usuarios. Ademais, relata a deputada, aqueles maiores que necesitan ser trasladados en padiola só poden facelo a través do montacargas do centro por falta de espazo nos ascensores. A socialista denuncia que o persoal do centro é escaso, e conta que o médico só traballa de luns a xoves, o fisioterapeuta a media xornada e non se ofrece atención psicolóxica.
En relación ao centro Avelino Montero, Patricia Vilán fala sobre as humidades que sofre o edificio, que se tentaron mitigar a través de buracos nas paredes para evitar que a condensación entre nas habitacións dos menores. Ademais, segundo explica, un cuarto de baño carece de lousas desde hai máis de 6 meses e o centro tamén carece de profesionais como auxiliares de enfermería, asistentes sociais ou médicos.
Por iso, os socialistas reclaman un plan de mellora no ano 2018. Por unha banda, piden que se eleve o número de equipos de valoración na provincia de 3 a 5. Ademais, esíxese que se faga fronte aos problemas estruturais dos centros mencionados pola deputada e o incremento de persoal. Tense previsto que ditas iniciativas se leven a debate a Comisión e a Pleno.
Relacionadas:
-
Denuncian un brote de sarna que afectou a "4 ou 5" menores e traballadores do Avelino Montero
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Reclaman un incremento de persoal "estable" na unidade de valoración de discapacidade
Por Redacción |
-
En Marea leva ao Parlamento a necesidade de medidas urxentes na residencia de maiores de Campolongo
Por Redacción |
-
Alertan dos riscos na seguridade do Avelino Montero pola redución de persoal
Por Oskar Viéitez |