Non hai pediatras nas listaxes do Sergas para cubrir prazas no Centro de Saúde de Baltar
Por Redacción
A xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés incrementará a actividade asistencial e os espazos de atención no Centro de Saúde de Baltar, no municipio de Sanxenxo. En maio, este espazo sanitario contará cunha nova sala de extracción, unha nova zona exclusiva para a matrona con acceso directo desde o exterior ao centro, unha nova consulta para o Punto de Atención Continuada (PAC) e salas de estar para o persoal.
En canto á atención pediátrica, segundo a xerencia, realizarase seguindo unha continuidade, a través da planificación de substitucións. Esta cobertura realizarase atendendo á demanda asistencial e a cada situación concreta. Substituiranse as ausencias que se precisan desde un punto de vista asistencial, en función das necesidades segundo os centros sanitarios.
A cobertura das ausencias de pediatras por período vacacional, baixas e outras cuestións laborais efectúanse substituíndo ao profesional ausente en caso de dispoñer de pediatras nas listas de substitución, segundo apuntan desde o SERGAS. Desde a xerencia indícase que neste momento non hai dispoñibilidade de pediatras nas listas para realizar as substitucións, esta cobertura realízase prolongando a xornada daqueles pediatras que se atopan en activo.
Cando esta opción non é posible, segundo a Consellería de Sanidade, recórrese á cobertura asistencial por parte de Médicos de Familia, que na súa formación como Médicos Internos Residentes contan cun período de aprendizaxe específica e dispoñen de formación en Puericultura.