Sabías que os certificados da Escola Oficial de Idiomas contan nas oposicións?
Por Redacción & Paula Sanmartín
A Escola Oficial de Idiomas ten aberto o prazo de matrícula libre para todas aquelas persoas que queiran certificarse en calquera dos seis idiomas que oferta actualmente a sede de Pontevedra. Trátase dunha titulación oficial e recoñecida, mesmo para oposicións. Coa vicedirectora do centro, María Fernández, coñecemos todos os detalles.
En que consiste a matrícula por libre?
- A matrícula libre é unha convocatoria para aquelas persoas interesadas en conseguir un certificado de linguas da Escola Oficial de Idiomas. Para iso, poden matricularse ata o 20 de abril e logo en xuño facer as probas coas que conseguir os títulos: básico, que é o A2; o B1 ou intermedio; o avanzado ou B2; e o C1.
Que linguas son as que se inclúen nestas probas por libre?
- Son seis linguas: alemán, galego, francés, inglés, italiano e portugués. Son as linguas que impartimos na EOI de Pontevedra. Non descartamos algún día ter o chinés pero dependemos doutro tipo de factores, como que haxa un número mínimo de matriculados e, por organización do centro, que haxa suficientes aulas e espazos.
Como se realizan as probas por libre? Hai alguna diferenza con respecto aos exames que fan os alumnos oficiais?
- Os alumnos libres e oficiais van abordar o mesmo tipo de probas. De feito, a proba de cada nivel é a mesma para toda Galicia e se realiza á mesma hora en todas as sedes. A única diferenza é que o alumnado oficial asiste regularmente a clase durante todo o ano; en troques, o alumnado libre ven só a realizar a proba para obter o certificado.
Unha das vantaxes do certificado da EOI é que pode dar puntos en oposicións
- Esa é unha das motivacións que ten o alumnado da Escola. Ademais de vir aquí para mellorar as súas opcións de empregabilidade no mercado laboral, hai alumnos que se achegan á Escola porque os certificados puntúan en concursos e oposicións públicas. Incluso os universitarios que cursan aquí algún tipo de ensinanza poden convalidar estes estudos por créditos de libre configuración. Tamén temos alumnado que quere acceder a un máster xa que, en moitos casos, xa se está a pedir o nivel C1.
Cales son os idiomas máis solicitados na EOI de Pontevedra?
- O inglés é o que ten un maior número de matriculados porque, como sabemos, é unha lingua internacional en moitos eidos: o científico ou nos negocios. E tamén hai moito alumnado que quere saír ao estranxeiro. O francés e o alemán serían os dous idiomas máis demandados despois do inglés. Pero a orde varía segundo os anos. Especialmente, durante a crise económica, o alemán experimentou un boom. De feito, moito rapaz novo que aquí estaba nunha situación de desemprego decidiu marchar a Alemaña para mellorar a súa situación. E entón notamos un incremento de demanda nos niveis básicos de alemán.
E o galego, é unha lingua demandada?
- O galego é unha lingua demandada porque hai moita xente que precisa os certificados CELGA para acceder a determinados postos ou ben necesita realizar un curso de linguaxe administrativa en galego para certos traballos na Administración Pública. O CELGA é o Certificado en Lingua Galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua. Dende Política Lingúística faise a convocatoria pública cada ano e logo nos traslada as listaxes de alumnos. E na Escola impártense os diferentes cursos CELGA e tamén se realizan aquí os exames, tanto os do CELGA como os de linguaxe administrativa.
No caso do inglés, existe tamén a opción de cursalo a distancia
- Aquí temos moitas modalidades que creo que é ao que debemos tender no futuro. É certo que temos unha modalidade a distancia que é o programa That´s English, no que o alumnado matricúlase e cursa a distancia, aínda que ten a opción de acudir a unha titoría unha vez á semana se así o desexa. Pero tamén hai diferentes modalidades e horarios no resto dos idiomas. Por exemplo, temos os chamados cursos integrados nos que o alumno pode cursar básico 1 e 2, ou intermedio 1 e 2, no mesmo ano; e tamén temos outros cursos que se chaman intensivos, que están pensados para aquelas persoas que só poidan ter dispoñibilidade horaria nun cuadrimestre e, dun xeito intensivo, farían un curso por cuadrimestre.
A Escola vén de cumprir 30 anos nos que, ademais do ensino formal, tamén se salienta por parte dos alumnos e exlumnos o seu valor social e de convivencia
- O que nos gustaría comentar é que a Escola non é só un centro de linguas. A vida cultural é moi activa e o alumnado ten ao seu dispor diferentes actividades. Temos cada ano un ciclo de cinema en todas as linguas, tamén en colaboración co Concello de Pontevedra un Roteiro, un Certame de Microrrelato en Galego, o Café con Letras na Biblioteca… Ademais de conferencias, concertos ou clubs de lectura.
A Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra ten a súa sede na rúa Celso Emilio Ferreiro, xunto ao Campus Universitario. Tamén conta no centro da cidade cunha aula no Instituto Valle Inclán, onde se imparten clases de inglés e tamén se realizan os exames; así como as seccións de Lalín, con inglés e francés; e A Estrada, con inglés. Toda a información das sedes, modalidades de ensino e prazos de matrícula pódese consultar na súa web: www.edu.xunta.gal/centros/eoipontevedra
Relacionadas:
-
Últimos días para matricularse na EOI de Pontevedra, que estrea espazos e tecnoloxía
Por Noticia patrocinada |
-
A biblioteca de Ciencias Sociais habilita aulas para evitar o colapso das fins de semana
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
A Banda Migallas presenta 'Zaragallada' no Festival da Lingua da Escola Oficial de Idiomas
Por Redacción |
-
1.653 persoas estudan na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Intercambio cultural entre pontevedreses e franceses na Bretaña
Por Redacción |