Sube ao palco é unha nova proposta do Concello pontevedrés que aúna tres elementos: o palco ou quiosco da música da Alameda, a cultura e a mocidade.
Como explica o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña en PontevedraViva Radio: "o palco forma parte da historia da cidade, pero nos tempos actuais son elementos que xa non teñen a utilidade de hai décadas e entendemos que se lle pode dar unha nova vida aproveitando ese fervedoiro cultural que hai en Pontevedra e sirva para mostrar a cultura emerxente entre a mocidade".
Xa hai outras iniciativas municipais que tratan de visibilizar a creatividade cultural da cidade, como pode ser Sétima Feira, pero neste caso exhíbese, ou se centra na creación artística. Isto é, ofrécese a posibilidade de realizar e mostrar música, grafitis, artes plásticas, teatro, danza, audiovisual, etc...
Poden tomar parte mozos entre 12 e 35 anos, tanto de forma individual como en grupos. As propostas participantes teñen de prazo para presentarse ata este venres 13 de abril a través da web municipal. Unha vez recibidos estes proxectos abrirase un proceso de selección contando con persoas especializadas en cada disciplina.
Como explica o concelleiro neste Cara a caraas sesións que leven ao palco da música da Alameda desenvolveranse durante os xoves dos meses de maio e xuño. Haberá dúas excepcións: o 17 de maio Día das Letras Galegas e o 7 de xuño que se adiantará ao 6, para non coincidir con outra actividade prevista no mesmo lugar.