Política Social compromete melloras para a residencia de Campolongo
Por Redacción
O goberno galego recoñece a existencia de deficiencias na residencia de maiores de Campolongo. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, anunciou no Parlamento un plan de melloras para este centro, que se desenvolverá en dúas fases.
A Xunta incorporará nunha primeira fase novos servizos para os seus usuarios. Isto tradúcese na conversión do comedor do cuarto andar nunha sala polivalente e a mellora do espazo reservado para o persoal de planta. Tamén se acometerá a construción dun novo comedor máis espazoso e luminoso ao final do cuarto andar e a instalación de tomas de osíxeno.
Estas obras de reacondicionamento, nas que xa están a traballar os servizos técnicos, se completarán no futuro coa acometida dunha segunda fase que implicará, salvo dificultades urbanísticas, a mellora da accesibilidade deste inmoble a través da instalación dun novo ascensor, a reorganización dos servizos de enfermería e a construción de baños adaptados.
Todas estas actuacións están incluídas, segundo Rey Varela, na partida orzamentaria de preto de dous millóns de euros cos que a Consellería de Política Social ten previsto dar continuidade ao plan de mellora da rede autonómica de residencias.
José Manuel Rey Varela explicou que a finais de 2017 habilitouse un comedor na zona central do cuarto andar, adecuouse un novo control de enfermería e se efectuaron traballos de mellora nos ascensores. Tamén se adquiriron axudas técnicas e equipamentos.
Con anterioridade, dixo, renovouse a lavandería e todo o material de enfermería e na actualidade, se están executando as obras para repoñer o equipamento da cociña. Así mesmo, está pendente a recepción de pequenos electrodomésticos e axudas técnicas.
Esta foi a resposta que deu o conselleiro á pregunta formulada por Luis Bará, deputado do BNG, que levou ante a cámara autonómica as denuncias realizadas polos traballadores da residencia.
Neste sentido, Bará pediu ao conselleiro que atenda as demandas dos traballadores co incremento de persoal con oito prazas máis, dúas de enfermería, cinco auxiliares de enfermería e un ou unha cociñeira.
O deputado insistiu en que a falta de persoal provoca un maior esforzo aos traballadores que deben asumir en menor número a mesma calidade asistencial.
Para o deputado, as persoas ingresadas na residencia non están recibindo o trato que merecen polo que pediu "actuar sen dilación" e poñer en marcha todas as medidas anunciadas para corrixir as actuais deficiencias.
Relacionadas:
-
O persoal da residencia de maiores de Campolongo volve protestar ante o abandono por parte da Xunta
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Denuncian presións ao persoal tras as demandas de melloras no centro de maiores de Campolongo
Por Anxo Lourido |
-
Persoal do centro de maiores de Campolongo recollerá sinaturas ante a situación de precariedade do servizo
Por Paula Sanmartín & Anxo Lourido |
-
Lores ve "razoables" as demandas dos traballadores da residencia de Campolongo
Por Redacción & Paula Sanmartín |
-
Preguntarán ao conselleiro de Política Social sobre as carencias na residencia de Campolongo
Por Redacción |
-
En Marea leva ao Parlamento a necesidade de medidas urxentes na residencia de maiores de Campolongo
Por Redacción |