'Hai roupa tendida' en Seixo
Por Redacción
O colexio de Seixo acolle un taller para sensibilizar os escolares da importancia da prevención de residuos e a reutilización do material téxtil usado baixo o título 'Hai Roupa Tendida'.
Trátase dunha actividade na que participa o alumnado de terceiro e cuarto de primaria. Está promovida por Humana Fundación Pueblo para Pueblo, unha organización que promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e desenvolve campañas en África, América Latina e Asia.
Neste taller, os estudantes elaboran unha bolsa ou unha marioneta reutilizando teas. Desta forma búscase que sexan conscientes da prevención de xerar residuos.
Humana conta cunha decena de contedores no municipio de Marín para que se depositen pezas, calzado, complementos e teas do fogar que xa non se utilizan e ás que se lles poida dar unha segunda vida. Durante 2017 recolleron máis de 39 toneladas de téxtil usado.