Touriñán e Diana Nogueira, entrevistados por máis de 650 alumnos de primaria sobre cuestións de xénero
Por Clara Alonso
O actor e humorista Xosé Antonio Touriñán e a actriz e modelo Diana Nogueira foron entrevistados este luns por máis de 650 alumnos de primaria de distintos colexios de Pontevedra, Vigo e O Salnés no Auditorio Sede A Fundación de Pontevedra.
"¿Qué tal como estáis, bien? Bueno, pues acordaos que hay que ser legales, ¿vale?" dixo Touriñán coa famosa voz rasgada do seu personaxe en Land Rober para romper o xeo e relaxar o ambiente, ao que os nenos responderon cunha enorme gargallada.
Tras unhas palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen afirmou que sería un luns moi especial e animou aos escolares para facer preguntas divertidas e atrevidas, comezou a actividade.
O evento, "Faro da escola", impulsado polo Faro de Vigo, consistía na creación dunha noticia en directo. A finalidade da actividade baseábase en ensinar aos nenos e nenas dos 14 colexios como se redacta unha noticia. Para iso contaron co apoio de profesionais do sector como Anxo Martínez, redactor do xornal, Luís Davila, humorista gráfico, e o xornalista e presentador do acontecemento, Armando Álvarez. Ademais, unha das alumnas, Laura, foi a responsable da parte fotográfica.
Os escolares encargáronse de realizar a entrevista a Diana Nogueira e Touriñán, aventurándose con preguntas de carácter máis persoal como que lles gustaría ser se non fosen artistas ata outras de índole social relacionadas coas diferenzas de xénero que se dan no sector actoral.
A medida que transcorría a entrevista, Anxo Martínez redactaba a noticia e Luís Davila debuxaba unha viñeta dos invitados en tempo real, de modo que os nenos podían ir coñecendo os distintos procesos.
Os alumnos gozaron desta experiencia xornalística pasando un intre divertido con Diana e Touriñán, achegándose ao sector dunha forma entretida e con toques de humor, en especial por parte de Touriñán.