Manel Vázquez: "Nos últimos anos, o PSdeG-PSOE non supo escoitar aos seus alcaldes"
Por Alejandro Espiño
Un proxecto "forte, común e cun marcado perfil municipalista". ÿ o PSdeG-PSOE polo que aposta Manel Vázquez, alcalde da Illa de Arousa e un dos dous candidatos que ata agora se postularon para a secretaría xeral dos socialistas galegos. Pontevedra é, ata o momento, a última parada da súa 'xira' por toda Galicia para explicar as liñas básicas da súa candidatura.
Acompañado polo deputado Guillermo Meijón e o portavoz socialista en Pontevedra, Antón Louro, quen destacou del o seu "traballo espléndido" como alcalde, Manel Vázquez explicou que a súa decisión de optar a dirixir o PSdeG-PSOE "ven motivado porque moitos compañeiros pensaron que eu podía aportar unha visión diferente do que debería ser o proxecto socialista".
Neste sentido, Vázquez sinalou que aposta por recuperar as agrupacións locais socialistas como canle de comunicación entre os militantes e os cidadáns, de forma que o PSdeG-PSOE poida dar unha mellor resposta "ao máis importante", entre o que citou os máis de seis millóns de parados, os desafiuzamentos, as preferentes, a falta de cohesión social ou o crecente índice de pobreza.
Pero sen dúbida sinalou ao municipalismo como a "atalaya" á que deben aferrarse os socialistas galegos "para reconectar coa sociedade". E é que cre Manel Vázquez que nos últimos anos, o PSdeG-PSOE "non supo escoitar aos seus alcaldes", que son, xunto cos concelleiros "os coñecedores das problemáticas e das necesidades dos cidadáns", ao ser os concellos a administración máis próxima.
Para todas estas cuestións, Manel Vázquez pide aos seus compañeiros un "debate continuo deixando fóra os personalismos" que permita crear un PSdeG-PSOE "forte e común". A este respecto recordou que a súa candidatura "nace de militantes de base, de abaixo a arriba e sen etiquetas de ningunha clase", unha aposta por un partido diferente "que espero que vaia medrando pouco a pouco".
En canto á data que se baralla para as primarias, o 7 de setembro, o alcalde da Illa de Arousa explicou que "non me preocupa", xa que o importante "é recuperar a confianza dos cidadáns". E sobre a posibilidade de que poida presentarse á reelección o actual secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, asegurou que como todo militante "está no seu dereito a decilo cando queira".