"Se Pontevedra contase cunha UPR esta liorta teríase resolto posiblemente con menos feridos"
Por Natalia Puga
A liorta multitudinaria con dous detidos e tres policías feridos rexistrada na madrugada do domingo ao luns no centro de Pontevedra reactivou as demandas do sindicato Unión Federal de Policía (UFP) en relación coa necesidade de que a cidade conte cunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR).
Trátase dunha vella demanda da UFP e, tras este incidente, os responsables do sindicato en Pontevedra pregúntanse "se terá que haber unha ou máis desgrazas persoais" para que o Ministerio do Interior e a Dirección Xeral da Policía "doten a Pontevedra dunha UPR dunha vez por todas".
En opinión deste sindicato policial, os incidentes na rúa José Casal de Pontevedra "poñen claramente de manifesto"a "gravísima falta de efectivos" da Policía Nacional que nunha cidade da importancia de Pontevedra non permiten facer fronte "con todas as garantías" a unha liorta multitudinaria.
"Se Pontevedra contase este domingo cunha UPR esta liorta teríase resolto de forma máis rápida e posiblemente con menos feridos", sostén o sindicato, que lembra que levan xa cinco anos avisando deste perigo e da solución para minimizar as súas consecuencias.
O sindicato "avisa" aos políticos que teñen a responsabilidade de solucionar esta "gravísima carencia na seguridade pública" de Pontevedra, que no caso de que se produza unha desgraza pola súa omisión á hora de solucionar este "grave problema de fácil solución" eles acudiranse xudicialmente contra eles con nomes e apelidos, non só pedindo a súa responsabilidade política senón a súa responsabilidade penal e inhabilitación para cargo público e posibles indemnizacións persoais polas súas omisións para coa seguridade pública de Pontevedra.
UN INCIDENTE PUNTUAL
Por outra banda, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, tamén se referiu este luns á liorta e explicou que este tipo de incidentes en Pontevedra "non é habitual" e, de feito, consideran que "foi algo puntual", unha discusión entre dúas familias que chegou á agresión, pero que, na súa opinión, "non é nada que vaia a traer problemas posteriores".
Relacionadas:
-
UFP demanda 200 policías máis para a provincia e pon o foco no ano "complexo" do Xacobeo 2021
Por Redacción |
-
O Goberno rexeita reforzar a comisaría de Pontevedra cunha unidade UPR
Por Alejandro Espiño |
-
Liberdade con orde de afastamento para os dous detidos tras a liorta multitudinaria de José Casal
Por Natalia Puga |
-
Dous detidos tras unha "violenta" batalla campal en pleno centro de Pontevedra
Por Redacción |
-
Cidadáns reclama a dotación de máis efectivos policiais en Pontevedra
Por Redacción |
-
Denuncian a "gravísima escaseza" de policías en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |