Avanza o Plan Revitaliza coa adquisición de novas unidades para a compostaxe comunitaria e individual
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, convocada para este xoves 19 de marzo, ten previsto aprobar a adxudicación de 400 novas unidades modulares para a compostaxe comunitaria.
Segundo indicou o vicepresidente da administración provincial, César Mosquera, practicamente esta decisión supón duplicar as unidades existentes a día de hoxe. Serán unhas 450 en 62 centros de compostaxe comunitaria repartidos polos concellos da provincia adheridos ao Plan Revitaliza. A este cómputo hai que sumar aqueles composteiros comunitarios que concellos como o de Pontevedra adquiriron pola súa conta.
Mosquera apuntou que "probablemente en moi pouco tempo queden esgotadas todas as unidades" ao constatarse un aumento na demanda destas instalacións por parte dos concellos.
Nesa mesma Xunta de Goberno tamén se adxudicarán 3.500 composteiros individuais de distintos tipos, acompañados dun termómetro e o aireador. Segundo lembrou o vicepresidente a base do Plan Revitaliza é unha combinación da compostaxe individual e comunitaria.
Finalmente, o goberno provincial dará un paso "practicamente decisivo e irreversible" dentro do Plan Revitaliza ao abrir a posibilidade de que os concellos adheridos poidan contratar persoal para a xestión da compostaxe. Eles son a "clave para o bo funcionamento do sistema" xa que "evitan posibles incidencias ou as resolven de maneira eficaz e solvente", dixo Mosquera.
A Deputación encargarase da selección dos traballadores e os concellos poderán facer as súas solicitudes en función da súa poboación. Segundo explicou César Mosquera, nun prazo de tres a catro meses haberá unhas cen persoas traballando neste Plan Revitaliza.