Detectan a praga da falsa eiruga que ataca os freixos en xardíns do centro urbano
Por Mónica Patxot & Paula Sanmartín & Anxo Lourido
A "macrophya hispana" é coñecida como a falsa eiruga que ataca os freixos. Detectáronse larvas e vermes desta especie en xardíns do centro urbano de Pontevedra.
O concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Oubiña, confirmaba a presenza da macrophya este venres indicando que van aplicar tratamentos a aquelas árbores que se viron afectados para evitar a proliferación da praga da falsa eiruga, que causa buracos circulares e ovalados deixando excrementos nas follas da árbore.
Polo momento decidiuse non actuar en todos os freixos. Cando as poboacións son abundantes comeza a caída de follas pouco tempo despois de recibir o dano, segundo expón o Servizo de Xardíns, Parques e Montes do Patrimonio Nacional.
Os principais puntos onde se detectaron estas especies en Pontevedra atópanse na contorna de Augusto García Sánchez.
MELLORA DE IMAXE DAS ROTONDAS
Por outra banda, o concelleiro anunciou unha "revolución" na imaxe dos espazos verdes. Desta forma, sinalou que as rotondas do eixo entre a praza de Liberdade, praza de Galicia, Augusto García Sánchez e Eduardo Pondal veranse melloradas con renovación do firme e das plantas.
A mellora levará a cabo tamén na rotonda da ponte das Correntes, da rúa José Malvar con Camiño Vello de Castela, un traballo que xa está a piques de concluír, segundo apuntou Oubiña. e na contorna de Casimiro Gómez.
Empregaranse herbáceas, plantas de cores vivas, indicou o concelleiro, coa idea de que os visitantes gocen dunha cidade viva, con cor e "ben bonita".
Tamén se aplicará un tratamento de grava no camiño que os usuarios do edificio da Xunta de Galicia foron creando fronte ao edificio de Campolongo. Ademais van acometerse melloras na praia fluvial do Lérez coa plantación de novas especies e o mantemento do céspede.
Presentáronse tamén 13 ofertas para a construción do parque infantil de Campolongo e espérase que a próxima semana se inicie a mesa de contratación. A idea do goberno local é acelerar o proceso porque as obras levan un atraso por problemas de procedemento, segundo dixo Oubiña.