As antigas zonas de aparcadoiro de Cruz Gallástegui, reconvertidas en veladores
Por Natalia Puga
A actuación posta en marcha nos últimos días para reforzar o carácter peonil da rúa Cruz Gallástegui supoñerá "rachar coa verticalidade" deste céntrico viario de Pontevedra difuminando as liñas que no pasado dividían as zonas dedicadas a estacionamento, calzada e beirarrúa.
Para conseguilo, reformarase a propia vía, pero tamén haberá unha intervención de carácter máis social que supoñerá, ademais a primeira aplicación efectiva da nova ordenanza de veladores, que está a piques de entrar en vigor coa súa aprobación definitiva.
A nova ordenanza inclúe como unha das súas principais novidades a capacidade do Concello de ordenar a instalación de veladores en espazos con caracterización especial, o que implica que a administración delimita os espazos onde deben colocarse.
No caso de Cruz Gallastegui, hai tres establecementos aos que van dicir onde colocar as súas mesas e cadeiras na rúa e, en concreto, indicaranlles que se sitúen en zonas que antes estaban habilitadas como estacionamento.
O novo documento municipal tamén inclúe como novidade a posibilidade de colocar veladores en fachadas que non se corresponden co propio local de hostalería ao que pertencen a condición de que exista un permiso por parte dos veciños. Este é tamén o caso de Cruz Gallastegui, pois dúas dos tres establecementos de hostalería existentes na rúa non terán a súa velador xusto diante, senón ocupando unha antiga zona de estacimiento situada ante outro negocio.
Os concelleiros de Promoción Económica e Obras de Pontevedra, Anabel Gulías e Demetrio Gómez, deron a coñecer este venres estes detalles e tamén o deseño final que terá a rúa. Trátase de actuacións que non supoñerán un orzamento municipal a maiores, senón que o custo asúmeo a empresa que realizara a obra de renovación da rúa, Covsa. O Concello tan só pagará o prezo do novo mobiliario que se instalará.
A próxima semana realizarase o repintado da rúa que, para romper coa verticalidad, usará pintura que se adoita empregar en pasos de peóns para debuxar no que era a antiga calzada un código de barras que, utilizando o correspondente lector, permitirá ler as letras do nome da rúa.
O obxectivo é reforzar o carácter peonil e tamén crear "zonas de estancia", espazos nos que se instalarán bancos para favorecer o lecer e descanso na rúa. A prioridade será peonil e de estancia e non haberá zonas específicas reservadas para carga e descarga ou servizos, pero si estará permitido o paso de vehículos para residentes, servizos e para todo aquel que teña a necesidade de utilizala, coa mesma filosofía que teñen todas as rúas de Pontevedra con plataforma única.
Relacionadas:
-
A praza da Estrela, regulada cun límite máximo de 30 veladores
Por Redacción |
-
A instalación de veladores e bancos completará a nova imaxe de Cruz Gallástegui
Por Redacción |
-
Pintan o código de barras da rúa Cruz Gallástegui
Por Redacción |
-
Cruz Gallástegui, de novo en obras para reforzar o seu carácter peonil
Por Redacción |
-
A rúa Cruz Gallástegui será repavimentada para potenciar o seu carácter peonil
Por Redacción |