Moreira lamenta que Ana Pontón viñera a Pontevedra "a rírse dos veciños"
Por Alejandro Espiño
A recente visita de Ana Pontón a Pontevedra, na que comprobou os avances do plan de compostaxe, non gustou no Partido Popular. Jacobo Moreira lamenta que viñese á cidade do Lérez "a rirse dos veciños" e a "tentar axudar" ao alcalde de Pontevedra ante as "presións" dos cidadáns que rexeitan a situación dos composteiros.
"Ana Pontón, do mesmo xeito que fai o alcalde, negouse a escoitar aos veciños de Eduardo Pondal que o único que piden é diálogo", asegurou o portavoz popular, que criticou que entre as asociacións coas que se entrevistou durante a súa visita "vetárase" aos veciños "contrarios ás imposicións do goberno local".
Para os populares, a portavoz nacional do BNG "non aclarou nada" coa súa visita e limitouse a "matizar as mentiras que está a lanzar a súa formación" respecto da compostaxe.
Moreira censura que a Pontón "parézalle ben" o diñeiro empregado en alugar uns terreos na Canicouva para unha planta "para a que nin sequera hai proxecto", que se instalaran "microplantas" de compostaxe por toda a cidade ou o investimento realizado nun sistema "que non supuxo ningún aforro para as arcas municipais".
"Se o que quería Ana Pontón era axudar a Lores ante as presións veciñais, o único que logrou foi xerar máis malestar entre os veciños que non comparten a localización destas instalacións", engadiu o líder do PP de Pontevedra.