Aviturga constata un incremento das vivendas de uso turístico regularizadas nos últimos meses
Por Redacción
A Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga), que ten sede en Sanxenxo e preside Dulcinea Aguín, detectou que o seu traballo informativo dos últimos meses deu os seus froitos e aumentou a regularización deste tipo de aloxamentos vacacionais.
Segundo os datos da Axencia Galega de Turismo facilitados por Aviturga, rexistrouse un incremento exponencial no número de vivendas de uso turístico que foron regularizadas nos últimos meses.
Este é, precisamente, o obxectivo fundamental que persegue Aviturga co punto informativo que estableceron en Portonovo. Máis de 700 persoas utilizaron xa este servizo para resolver dúbidas sobre a nova lexislación que regula as vivendas de uso turístico ou para solicitar axuda na tramitación da solicitude de alta na Axencia Galega de Turismo, así como para asociarse a Aviturga.
A maior parte das persoas que pasaron polo punto informativo de Aviturga son veciños de Sanxenxo, pero tamén utilizaron este servizo cidadáns doutros concellos limítrofes como O Grove, Cambados, Vilagarcía, A Illa de Arousa, Poio, Meis ou Meaño, rexistrándose tamén desprazamento desde lugares como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Redondela, Marín, Cangas, e Pontevedra.
Os propietarios de vivendas de uso turístico interesados en consultar calquera tipo de dúbida poden facelo presencialmente no edificio de usos múltiples de Portonovo este mércores, de 19 a 21 horas, ou ben poñerse en contacto con Aviturga a través de www.aviturga.es, do mail info@aviturga.es ou da súa páxina de Facebook.
Dulcinea Aguín destaca que "queda moito traballo por diante, pero estamos a facer un importante traballo de información para regularizar todas as vivendas". Segundo indica, os propietarios son cada vez máis conscientes de que teñen que mellorar a súa formación como anfitrións. Esa carencia marca o contido das xornadas que está a planificar Aviturga.
Relacionadas:
-
Sanxenxo estrea plataforma de reserva online de vivendas turísticas
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara coa presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín
Por Marisa Ciordia |
-
As Rías Baixas agardan unha ocupación hoteleira do 53% na ponte de maio
Por Oskar Viéitez |
-
Os propietarios de vivenda vacacional poderán resolver as súas dúbidas este mércores
Por Oskar Viéitez |
-
O 84% dos hóspedes de vivendas de uso turístico localízanas por Internet
Por Redacción |
-
Donos de vivendas turísticas buscan dar un "salto cualitativo" de calidade
Por Redacción |
-
As vivendas turísticas buscan o apoio do Concello ante a presión do "lobby" hoteleiro
Por Alejandro Espiño |