Cidadáns critica a "improvisación" do goberno local no novo contrato de recollida de lixo
Por Redacción
A concelleira de Cidadáns (Cs) Pontevedra, María Rey, valorou este martes o anuncio de que o Concello contratará a unha asesoría para guiarlles no novo contrato de recollida de lixo. Considera que a contratación desta empresa confirma "a improvisación, a falta de orientación e de criterio que neste campo arrastran desde hai anos os nacionalistas".
María Rey interpreta que o portavoz municipal, Raimundo González, persoa que realizou o anuncio, recoñeceu "implicitamente" este fracaso ao falar agora do futuro contrato do lixo como complexo e anunciar que a concesionaria da asistencia técnica será a que acelere o plan de compostaxe e defina o circuíto que levará os residuos á planta da Canicouva
"Antes eramos pioneiros, agora é complexo, mañá darannos outra desculpa", criticou María Rey, que lembrou que a aposta pola compostaxe por parte do BNG remóntase ao ano 2014 e no 2016 "falaban do gran aforro e dunha experiencia pioneira", sen que ata a data "viuse un plan definido de implantación, unha folla de ruta que agora lle endosan a unha empresa privada".
A edil insiste en que en Cidadáns "nunca estivemos en contra da compostaxe", pero si "en contra da xestión que levou a cabo o BNG, ou máis ben, a ausencia da mesma".
Ademais, engade que as preguntas que sobre este tema expuxo Cidadáns desde hai anos seguen sen resolver. Trátase de saber que vai supoñer este plan no recibo do lixo, que se vai a facer co compost e que se vai a facer se o compost non resulta adecuado. "Por que estamos a pagar o aluguer anual dunha leira na Canicouva desde hai dous anos sen que estea a planta de compostaxe construída? E por que levamos dous anos comprando composteiros se agora redeseñan o plan?", engade María Rey.
Rey tamén cuestionou que o sistema que seguiu o goberno local para afrontar o novo contrato de lixo sexa "o mesmo que o utilizado no concurso da auga", polo que a empresa concesionaria, Lagares Oca, redactará os pregos do contrato e valorará despois as propostas técnicas e económicas, coa supervisión dos funcionarios municipais. "Non nos parece o sistema máis obxectivo", apuntou, á vez que subliñou que "somos o Concello das prórrogas"