Carmela Silva sobre o PP: "Son un cancro para a democracia, son un cancro para a política"
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que "para a rexeneración política de España só hai unha posibilidade que a cidadanía bote das institucións ao Partido Popular" xa que, segundo apuntou "son un cancro para a democracia, son un cancro para a política".
No transcurso dunha rolda de prensa da administración provincial, Carmela Silva, dixo sentirse "avergoñada, triste, preocupada e mesmo un pouco amedrentada" co que está a ocorrer ao redor dos gobernos do Partido Popular.
Para Carmela Silva "España hoxe é sinónimo de vergoña" xa que "a imaxe que estamos a dar é terrible" debido a casos que enumerou como o de Cristina Cifuentes, Gürtel, Púnica, Lezo, Acuamed, Nóos, Andratx, Area, Auditorio, Baltar, "podería estar así media hora falando de casos do Partido Popular", apuntou.
A mandataria socialista referiuse á dimisión de Cristina Cifuentes como presidenta da Comunidad de Madrid "coas cloacas do Partido Popular funcionando para queimar na praza pública a unha persoa" e sinalou que a circunstancia que rodeou a súa dimisión "ten un clarísimo obxectivo que é que as cremas sexan a noticia e non o desprestixio da universidade feita polo Partido Popular".
Segundo a presidenta da Deputación de Pontevedra o Partido Popular "utilizaba a Universidade Rey Juan Carlos como o seu cortijo".
Carmela Silva cualificou como " asqueroso" que "este Partido Popular cheo de corrupción ata as cellas" non teña reparos "en queimar publicamente a alguén dunha forma vergoñosa, grimosa, para tapar as vergoñas do que están a facer coa universidade pública".
"O Partido Popular dá medo. Son capaces de facer calquera cousa. O quería dicir porque me parece que non se pode calar ante estas cousas", finalizou.
A DIMISIÓN DE CIFUENTES "CHEGA TARDE"
Á dimisión de Cristina Cifuentes tamén se referiu en Pontevedra o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, que sinalou que esta decisión " chega tarde" e demostra a existencia dun escenario interno de "conflitos e tensións" no seo do Partido Popular.
Caballero asegurou que Cifuentes tiña que dimitir polo "escandaloso" uso das institucións e a universidade pública "no caso do mastergate", episodio durante o que, lembrou, " tivo o respaldo" do Partido Popular e de dirixentes como Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo.
O dirixente do PSdeG-PSOE criticou ademais a postura de Cidadáns, que partido ao que cualificou como unha "nova forza emerxente que surxe pola dereita" e ao que acusou de ser o "bastón" da dereita "máis corrupta de Europa" e permitir que o PP manteña o seu poder institucional.