Acordo entre Deputación e Hotusa para promocionar as Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
O goberno provincial da Deputación de Pontevedra chegou a un acordo de colaboración co grupo hoteleiro Hotusa para a promoción do destino Rías Baixas.
Xa están pechadas para maio presentacións da provincia de Pontevedra en Oviedo e Córdoba, e agora se traballa coa promoción no segundo semestre do ano en Barcelona e Lisboa.
O acordo con Hotusa (o cuarto consorcio hoteleiro a nivel mundial e o primeiro de Europa) ten por obxectivo promover a provincia en localidades nas que existan establecementos da cadea. Para Hotusa éste será un xeito de contar con produtos das Rías Baixas nos seus eventos.
Así, a Deputación de Pontevedra encargarase de aportar a esta empresa produtos gastronómicos de Rías Baixas para unha serie de galas de carácter solidario de diferentes ONGs do estado que se van desenvolver en hoteis de Hotusa.
Neste eido, os días 10 e 11 de maio en Oviedo a Deputación presentará a súa campaña "Somos historias" nunha serie de reunións tanto con persoas responsables de Turismo de Asturias, para afondar no turismo verde e sustentable, como con turoperadores e axencias.
O día 10 pola noite as Rías Baixas estarán presentes no Hotel Reconquista de Oviedo na Gala Solidaria da Fundación Mensaxeiros pola Paz do Pai Ángel, á que acudirá a Casa Real, e na que se degustarán os produtos das Rías Baixas. O día 11 de maio terá lugar a presentación do destino Rías Baixas aos medios de comunicación e turoperadores asturianos.
O 31 de maio, cunha axenda similar, terá lugar esta mesma presentación en Córdoba, na que será a primeira acción promocional efectuada polo destino Rías Baixas en Andalucía. Na cidade cordobesa, os produtos galegos tamén terán unha presenza protagonista nunha gala solidaria que, neste caso, será en beneficio da Cruz Vermella.
Relacionadas:
-
O Eurostars Gran Hotel La Toja 5* reabre as súas portas ao público
Por Noticia patrocinada |
-
TurisTIC preséntase como un proxecto da Deputación para unir promoción turística e tecnoloxía
Por Redacción |
-
As Rías Baixas agardan unha ocupación hoteleira do 53% na ponte de maio
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación promociona os recursos patrimoniais de Pontevedra ante o público portugués
Por Redacción |
-
Os empresarios turísticos de Sanxenxo urxen medidas para mellorar a conectividade no municipio
Por Oskar Viéitez |
-
Hotusa adquire o Gran Hotel La Toja
Por Redacción |
-
O grupo Hotusa xestionará as Pousadas do Salnés
Por Oskar Viéitez |