Gonzalo Caballero reivindica o "compromiso social" do PSdeG nunha visita a Amencer
Por Redacción
O "compromiso social" do PSdeG-PSOE é un dos elementos que, segundo Gonzalo Caballero, "distingue" aos socialistas doutras formacións políticas. Así o manifestou na visita que realizou este xoves ás instalacións de Amencer en Lourizán.
Ante a "importante desigualdade social e económica" froito de tres lexislaturas de goberno do PP en Galicia, o líder dos socialistas galegos puxo en valor o traballo que fan asociacións como Amencer, que o próximo ano sumará aos seus locais en Pontevedra e Vilagarcía outro en Vigo.
Neste ámbito, Caballero recordou que os dereitos sociais e a igualdade de oportunidades teñen que ser garantidas polo Estado, e sinalou como "imprescindible" que as administracións públicas "colaboren co terceiro sector".
"Onde gobernamos os socialistas, temos que manter esa prioridade; e, onde non, poñer na axenda esta labor, que é o máis digno que pode existir nunha sociedade: traballar para mellorar as condicións de vida de quen non pode valerse por si mesmo", sinalou.
Tras a visita, que realizou en compañía de membros da dirección local e do grupo municipal do PSOE en Pontevedra, o secretario xeral sinalou como "referente" a Amencer-Aspace no traballo con persoas con parálise cerebral.
A súa xerente, Mónica Touriño, agradeceu a visita dos socialistas e detallou que actualmente esta entidade atende a cerca de 90 persoas en Pontevedra e de 30 en Vilagarcía.
Entre as súas necesidades máis urxentes está a renovación dos medios de transporte, a ampliación das instalacións de Vilagarcía e a apertura dunha residencia en Pontevedra.