Os familiares dos pacientes serán avisados por SMS da evolución das súas operacións
Por Redacción
Manter informados aos acompañantes dos pacientes, sen que teñan que estar fisicamente na sala de espera de quirófanos e mitigar así a súa inquedanza mentres agardan. É o obxectivo do proxecto Lembra, que porá en marcha o Servizo Galego de Saúde en Montecelo, o Hospital Provincial e o Hospital do Salnés.
É unha plataforma de comunicación baseada no envío de SMS, que son remitidos ao teléfono da persoa que acompaña ao paciente ou á que os seus achegados designaron como contacto.
As mensaxes son enviadas dende o propio ordenador do quirófano, polo que a comunicación entre o equipo cirúrxico encargado da intervención do paciente e a familia é directa e rápida. O persoal autorizado para o envío só ten que introducir o número de contacto facilitado polo acompañante e escoller o tipo de mensaxe que se vai a enviar.
Hai dous tipos de mensaxes segundo a situación na que se atope a intervención. Un, para avisar de que xa rematou, para que o acompañante acuda ao punto de información para falar co persoal sanitario, e o outro para confirmar que a operación segue en curso, no caso de intervencións longas ou que se prolongan máis do esperado.
Durante estas últimas semanas, realizáronse as primeiras probas do sistema, a modo de proxecto piloto nalgunhas especialidades cirúrxicas, e o Sergas destaca que a acollida foi moi boa, tanto por parte do persoal sanitario como dos pacientes e acompañantes.
Ante a boa resposta, o Sergas xa está estudando ampliar o servizo a outras áreas como hospitais de día ou salas de rehabilitación.
O sistema activarase definitivamente o vindeiro luns 30 de abril. Posteriormente, seguindo un cronograma, iranse engadindo as diferentes especialidades ao proxecto. Agárdase que estea implantando nos tres hospitais ao longo da próxima semana.