O lobo mariño Guardesiña despídese e volve ao mar tras recuperarse na Illa de Arousa
Por Redacción
Guardesiña volve ao mar. Este lobo mariño aparecía o 14 de xaneiro na costa da Guarda. Trátase dun exemplar de femia de lobo mariño ceniciento que cando foi recollido pesaba 14 quilos e medía 85 centímetros de lonxitude. Naquel momento negábase a regresar ao mar. Tivo que ser atendido na UCI de Nigrán ao presentar síntomas de desnutrición, deshidratación e afección respiratoria.
Sufría unha afección pulmonar grave ao ser tratado polo equipo veterinario da Rede de Varamentos. Nunha primeira fase tivo que recuperar peso e, unha vez que alcanzou os 21 quilos, foi trasladado a unha piscina do Instituto Galego de Formacion en Acuicultura (IGAFA) na Illa de Arousa, para completar a súa recuperación. Alí permaneceu ata o 8 de marzo e logrou alcanzar os 30 quilos de peso.
O equipo veterinario da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) encargouse de dirixir os labores de asistencia que foi acometida polo persoal e alumnado do centro.
Este sábado 28 de abril levou a cabo o embarque de Guardesiña no arrastreiro "Patricia Marta", con base en Vigo, que trasladará ao animal ás augas norteñas do Grand Solé. Alí vai levarse a cabo a liberación en augas internacionais este próximo luns.
Guardesiña é o primeiro exemplar de lobo mariño recuperado esta tempada e o trixésimo terceiro salvado e liberado polo CEMMA desde 1998.