Ponte Caldelas acondiciona a contorna da praia da Calzada con céspede natural
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas comezou o acondicionamento da praia fluvial da Calzada, única destas características de España con bandeira azul, de cara á temporada de verán. Nos últimos días preparouse o terreo na zona contigua ao quiosco para a plantación de céspede natural.
Utilizando maquinaria específica durante varias xornadas, removeuse e fresouse toda a terra, retiráronse os arrastres de area e procedeuse ao abonado e incorporación de sustrato. Finalmente plantouse semente de herba rye grass inglés, especialmente adecuada para esta zona.
O goberno local caldelán destaca que é a primeira vez que A Calzada trátase con herba e confía en que a zona estará en perfectas condicións de cara a temporada de baño, ofrecendo unha ampla superficie de herba para gozar desta contorna privilexiada, utilizada a diario por centos de persoas.
Nas próximas semanas reporase tamén a area e farase o acondicionamento xenérico da zona, incluíndo a colocación de valados para que todo estea listo a principios de xuño.
Por outra parte, o equipo de goberno xa puxo en marcha a convocatoria de emprego público temporal para a cobertura das prazas dos tres socorristas, que este ano chega con melloras, ofrecendo contratos de tres meses, en lugar dos dous meses habituais.
Este ano, a cobertura esténdese do 15 de xuño ao 15 de setembro, un aliciente que agárdase que sirva para evitar a repetición dos problemas do ano pasado, cando foron varios os municipios con bandeira azul, entre eles Ponte Caldelas, que tiveron problemas para cubrir a totalidade das prazas ofertadas.