Vaipolorío e a Escola de Forestais instalarán caixas refuxio para morcegos na contorna do Gafos
Por Oskar Viéitez
A asociación Vaipolorío instalará na contorna do Gafos seis caixas refuxio para morcegos construídas polo alumno da Escola de Enxeñaría Forestal, Emilio Iglesias, beneficiario da bolsa Green Campus.
Con esta iniciativa o colectivo ecoloxista pretende preservar a biodiversidade na contorna do río.
O presidente de Vaipolorío, Gonzalo Sancho explicou que no desenvolvemento dos traballos de catalogación de especies que están a levar a cabo na contorna do río puideron constatar a presenza tanto do "morcego común ou morcego anano como do morcego de ribeira".
As caixas de madeira, dotadas dunha abertura na súa parte inferior co propósito de que sirvan como refuxio aos morcegos, están elaboradas con madeira de piñeiro nun proceso que combinou "a carpintería convencional e as novas tecnoloxías" co uso da maquinaria de control numérico, segundo explicou o técnico da Escola de Enxeñaría Forestal, Luis Torres.
A elaboración destas caixas vese complementada coa publicación dos planos para a súa construción partindo das indicacións da asociación Drosera, centrada na conservación desta especie, e da propia experiencia previa no deseño das caixas niño que se doaron tamén a Vaipolorío.
O director da EE Forestal, Juan Picos, salientou o valor desta iniciativa "que nos leva a colaborar con entidades, a traballar coa propia madeira e a entender cal é o papel destes seres vivos, que ademais son indicadores de ecosistemas en bo estado de conservación".