Un congreso reivindica en Pontevedra máis peso da educación física nos colexios
Por Redacción
Preto de 270 persoas participaron este xoves na primeira xornada do XIV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde, que se está a celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra e que reivindicou un maior peso da educación física nos currículos dos escolares.
Quince conferencias e talleres integran o programa dun evento que, na conferencia inaugural a cargo do catedrático da Universidad de Castilla La Mancha, Onofre Contreras, puxo o foco na "relación directa" entre educación física e a "mellora do rendemento académico".
"Con carácter xeral fálase dos efectos beneficiosos do exercicio físico para a saúde, pero cando trasladamos iso ao currículo escolar, non se manifesta coa mesma nitidez", apuntou Onofre Contreras, quen defendeu na conferencia de apertura a importancia de dotar á educación física dunha maior presenza nos currículos escolares.
Currículos que, sinalou, constitúen un "ámbito de competición entre as diferentes áreas para ver quen ocupa máis espazo", o que pode levar a pensar "que se quitásemos horario ás materias, entre aspas, menos académicas poderíamos obter mellores resultados", algo que desbotan os proxectos de investigación realizados ao respecto.
Os estudos avaliados confirman "claramente" que se aumentamos as horas de actividade física mellora o rendemento académico, á vez que permiten concluír que é na actividade física "que vai de moderada a vigorosa" na que se atopa "unha relación directa máis positiva" co rendemento académico.
Nunha xornada que albergou tamén unha mesa redonda centrada na educación física, o profesor do INEF de Barcelona Domingo Bláquez abordou como esta materia "ten que axustarse ás esixencias do novo milenio".
Nun relatorio no que propuxo unha análise crítica sobre os contidos, metodoloxías e sistemas de avaliación desta materia, Blázquez incidiu "na necesidade de que a educación física se vincule á cidadanía e a corporeidade que o suxeito vai manter o resto da súa vida", e que polo tanto debe buscar que as habilidades adquiridas non lle sirvan só na súa etapa escolar.
Nese sentido, alerta da "desconexión entre o que a educación física proporciona" e as actividades que a cidadanía desenvolve, xa que entende que existe moi pouca conexión entre os deportes máis practicados polos adultos co que se ensina na educación física escolar.
Unha conferencia do profesor da Universidad de Las Palmas José Hernández sobre os obxectivos motores desta materia completou a primeira xornada dun congreso que este venres porá o seu foco en aspectos como o deporte educativo en Brasil, á vez que acollerá unha serie de talleres sobre exercicios de psicomotricidade para nenos, primeiros auxilios e gamificación ou adestramento de forza e potencia.
Xa o sábado, o congreso completarase con catro novas conferencias nas que, entre outros temas, abordarase o adestramento deportivo para o alto rendemento, da man da investigadora da Universidad Manuel Fajardo de Cuba Beatriz Sánchez, ou a alimentación dos deportistas, no relatorio de clausura que impartirá García Soidán.
O evento conta con asistentes chegados dos diferentes puntos da xeografía española, ao igual que de Colombia, México, Chile, Perú, Cuba, Brasil e Portugal, así como un "panel de conferenciantes dunha calidade máxima nos ámbitos da educación física, o deporte escolar, o rendemento deportivo ou a saúde", como salientou o seu director, Víctor Arufe.
No congreso tamén se presentarán preto de 150 traballos de investigación nesta materia.