A Deputación presenta unha nova convocatoria do Plan de práctica laboral en empresas da provincia
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este venres en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar unha nova convocatoria do Plan de Práctica Laboral para que 400 persoas acaden unha primeira experiencia laboral "en empresas, corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais", sinalou.
360 das bolsas destinaranse a empresas privadas e, as 40 restantes, a corporacións sectoriais e organizacións non gobernamentais, coa finalidade de que a mocidade con titulación universitaria ou de FP sen experiencia laboral previa no ámbito dos seus estudos, poida promover e completar a súa formación académica en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado laboral.
As bolsas se retribuirán con 740 euros para as persoas con ciclo superior de FP e con 840 euros para as que posúan titulacións universitarias, aumentando as cantidades respecto á anterior convocatoria e situando o investimento nun total de 4.221.984 euros.
Carmela Silva resaltou que a Deputación adica 6.221.984 euros destinados a facilitar a inserción laboral, tanto na empresa privada como na administración pública, de 600 persoas. Isto supón "313.000 euros máis que o ano anterior", informou, o que se traduce nun 5,3%.
As empresas que desexen formar parte desta convocatoria deben preinscribirse a través de www.depo.gal.