A Festa do Codillo da Lama xa ten prato principal
Por Redacción
Codillo estufado con guarnición de patacas asadas, chícharos e champiñóns. É o prato que se servirá, o vindeiro domingo 20 de maio, na XVIII Festa do Codillo da Lama.
O xurado encargado de realizar a cata previa decantouse por esta preparación presentada pola empresa Cátering Alejandra Salinas, de Poio pero con raíces familiares na Lama.
Ademais do prato elixido, os membros do xurado tamén degustaron a súa variedade preparada cocida á cervexa, acompañada de arroz branco e verduras; así como unha terceira versión ao forno, con patacas e chícharos.
O alcalde, Jorge Canda, destacou a calidade e abundancia dos pratos presentados e desexou á empresa Cátering Alejandra Salinas "os maiores dos éxitos porque tamén serán os da propia Festa do Codillo", na que se espera repetir o éxito da edición pasada.
Haberá unha carpa na Alameda con capacidade para un milleiro de comensais. A partir das 14.00 horas, poderase degustar o codillo a un prezo de 10 euros a ración, dous euros menos que o pasado ano, que dá dereito ademais a pan, cubertos e un prato de barro conmemorativo do evento que os comensais poderán levar como recordo.
Ademais da actividade meramente gastronómica, a XVIII Festa do Codillo estará amenizada musicalmente falando pola agrupación folclórica Os Catro Ventos e a Charanga Os Encerellados que animarán toda a xornada.
Por outra banda, no Salón Multiusos da Lama, os participantes nos cursos de cestería e encaixe de palillos farán unha exposición dos seus traballos ao longo de toda a xornada en horario de 11 a 18 horas.
Relacionadas:
-
Todo listo para degustar codillo na Lama o domingo 9 de xuño
Por Redacción |
-
A Lama ampliará a Festa do Codillo para dar cabida a máis xente
Por Redacción |
-
Todo listo na Lama para unha Festa do Codillo que alcanza a súa maioría de idade
Por Redacción |
-
A Festa do Codillo da Lama recibe un milleiro de comensais e bate o seu propio récord
Por Redacción & Diego Torrado |