Condenan ao Concello de Sanxenxo a pagar máis de 7 millóns de euros por unha finca aos irmáns Rocafort
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo perdeu o recurso de casación presentado ante o Tribunal Supremo ante a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condena á administración local a abonar aos irmáns Rocafort 3.010.872 euros en concepto de expropiación por unha parcela situada nas inmediacións do Paseo de Silgar, na rúa de As Cunchas.
Á sentenza hai que sumarlle os intereses xerados desde o momento no que comeza a reclamación xudicial.
Segundo informou o BNG nunha rolda de prensa, xunto á expropiación dos 1.750 metros cadrados da leira, a sentenza obriga ao Concello a expropiar os viarios que actualmente teñen uso público pero que son de propiedade privada xa que o non puido demostrar que eran da súa titularidade. Isto obriga a incrementar a superficie para expropiar ata os 2.964 metros cadrados, que agora deberán ser valorados polo tribunal de expropiacións.
Os concelleiros nacionalistas de Sanxenxo calculan que o Concello terá que pagar máis de sete millóns de euros incluíndo a suma dos intereses.
O BNG lamentou que o goberno non informase desta sentenza, da que ten coñecemento desde o pasado día 20 de febreiro, algo que atribúen a que "non é beneficioso para os intereses políticos de quen está gobernando".
Os nacionalistas sinalan que son os cidadáns de Sanxenxo os que terán que pagar, "é unha noticia lamentable", valorou o portavoz local do BNG, David Otero.
"Volvemos ás andadas", criticou o concelleiro nacionalista para o que existen "responsables directos" deste "desastre absoluto de xestión urbanística" que "lastra as contas municipais" sinalando ao alcalde, Telmo Martín ao que piden que asuma responsabilidades políticas coa súa dimisión.
ORIXE
As normas subsidiarias anteriores de Sanxenxo recollían o carácter de zona verde da parcela propiedade da familia Rocafort e estipulaban unha expropiación como fórmula para que esta superficie pasase a ser de goce público. No ano 2003, a aprobación do PXOM mantén esa mesma cualificación urbanística, pero adscríbea ao solo urbanizable número 20, situado en Canelas, impedindo así calquera posibilidade de negociación.
Desta forma a parcela da familia Rocafort pasa a ser unha carga para os propietarios, que asumen o poñela a disposición do Concello como condición para poder realizar o seu desenvolvemento.
Os propietarios rexeitaron este cambio de cualificación presentando un contencioso-administrativo contra o PXOM, pedindo a anulación desta decisión e conseguiron unha sentenza favorable a partir da cal, e xa no ano 2011, a familia Rocafort diríxese inicialmente ao Concello para que proceda a expropiarlle a leira, e unha vez desestimada esta petición por parte da Xerencia de Urbanismo recorren ao Xurado de Expropiación de Galicia, ao que solicitan a fixación do xustiprecio da expropiación, logrando no ano 2013 unha valoración de 3.010.872,38 euros.
Esta cantidade, que foi recorrida tanto polos propietarios como polo goberno anterior, foi logo ratificada na sentenza do TSXG.
Relacionadas:
-
O Supremo condena a Sanxenxo a pagar 9,9 millóns aos Rocafort pola leira e o vial de As Cunchas
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo abona o primeiro pago de 1,3 millóns de euros á Familia Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo recorrerá diante do Supremo a sentenza que lle condena a pagar 9,9 millóns á familia Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo reclamará a propiedade dos terreos dos Rocafort
Por Redacción |
-
O Concello de Sanxenxo recorre para non pagar pola zona verde dos Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE reclama a Telmo Martín "que abandone a política local de forma definitiva
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Sanxenxo acusa ao BNG de ser "profeta do catastrofismo"
Por Oskar Viéitez |
-
Como vai a pagar Sanxenxo a sentenza dos irmáns Rocafort?
Por Redacción |
-
Por que o tripartito de Sanxenxo agradece a Telmo Martín a súa valentía?
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín propón facer un aparcadoiro soterrado "sen que custe un euro aos veciños" na finca dos Irmáns Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
Culpan a Telmo Martín do "encarecemento brutal" do valor da leira dos Irmáns Rocafort
Por Redacción |