A Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra inicia as protestas contra o peche de camas no verán
Un grupo de delegados sindicais, representantes da Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra, concentrábanse este luns na entrada do Hospital Provincial e Montecelo. Desta forma manifestan a súa oposición ao peche de camas que a xerencia levará a cabo durante os meses de verán, como vén sendo habitual durante os últimos anos.
Emma Rodríguez, presidenta da Xunta de Persoal, lamentaba que a concentración non fose secundada por máis traballadores dos centros hospitalarios e sinalaba que o persoal se atopa desgastado: "Es una carrera de fondo y esto desgasta", apuntaba a representante sindical, que animaba a participar destas protestas porque "con tu silencio muetras que estás de acuerdo. El que calla, otorga".
Reclaman datos concretos por parte da xerencia sobre os servizos que está previsto que se pechen nos próximos meses. Este xoves 10 manterán un encontro co xerente José Ramón Gómez e preguntaranlle tamén que sucederá co persoal durante o verán.
Denuncian que o peche remata derivando na práctica de "peonadas" tras o verán, horas extra para reducir as listas de espera cirúrxicas. A resposta que reciban por parte do xerente será, a continuación, analizada pola Xunta de Persoal e decidirán se adoptan novas medidas de presión para evitar o peche.
Desde os sindicatos alertan de que no verán aumenta a poboación ao ser Pontevedra unha zona de costa e, por tanto, carece de sentido pechar servizos que, ademais, non teñen vinculación cirúrxica como é o caso de lactantes, medicina interna ou pneumoloxía. Emma Rodríguez afirmaba que en Atención Primaria se detecta un incremento notable de pacientes durante o verán.
As protestas organizadas pola Xunta de Persoal continuarán este martes cun peche no vestíbulo do Hospital Provincial desde as 10.00 ás 22.00 horas.
Relacionadas:
-
CIG-Saúde denuncia que as peonadas aumentan nos Hospitais públicos de Pontevedra
Por Redacción |
-
Protesta na rúa polo peche de camas estival nos hospitais públicos
Por Redacción |
-
A xerencia dos hospitais de Pontevedra confirma o peche de 80 camas durante dous meses
Por Redacción |
-
Doce horas no vestíbulo do Hospital para amosar a oposición ao peche de camas no verán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Xunta de Persoal dos Hospitais de Pontevedra vai pecharse durante 12 horas no Provincial
Por Miguel Álvarez Fandiño & Anxo Lourido |
-
Chaman a manifestarse contra o peche de 83 camas previsto para este verán nos hospitais de Pontevedra
Por Alejandro Vila de la Fuente & Anxo Lourido | Creada e actualizada