Os Baños de San Xusto pasarán a ser un balneario con pozas públicas
Por Redacción
Despois de tres anos de proceso burocrático, a rehabilitación dos Baños de San Xusto encara unha fase decisiva. Augas de Galicia acaba de autorizar o proxecto presentado polo Concello de Cerdedo-Cotobade para restaurar a vella minicentral, os muíños e todo o ámbito deste emblemático espazo. E xa teñen un uso futuro para toda esta contorna.
O proxecto consiste na rehabilitación da antiga minicentral para ser empregada como balneario e zona termal con pozas públicas, así como na recuperación dos muíños e doutros elementos patrimoniais e etnográficos.
"É un proxecto moi completo e ben deseñado que vai servir para poñer en valor esta emblemática zona, recuperar o noso pasado e contar cun novo atractivo turístico que vai achegar a moita xente ao noso municipio", explicou Jorge Cubela.
O presidente municipal indicou que a solicitude de Augas de Galicia era preceptiva ao emprazarse en zona de servidume e policía do río Lérez. Cursouse o pasado mes de agosto e acaba de notificarse ao Concello tras ser aprobada o pasado venres 4 de maio.
Este permiso culmina todo o proceso administrativo previo, xa que era o último que faltaba despois de que, ao longo dos últimos nove meses, se foran obtendo os da Consellería de Medio Rural e as direccións xerais de Conservación da Natureza, Montes e Patrimonio.
"Foi un longo camiño burocrático de case tres anos no que tivemos que afrontar un complexo proceso de municipalización e rexistro no inventario do Concello e, posteriormente, a solicitude de ata cinco autorizacións distintas de órganos autonómicos, pero todo o esforzo dáse por ben feito porque estamos ás portas dunha obra histórica", asegura Cubela.
Augas de Galicia tan só establece unhas directrices sobre a execución da obra que son as habituais nestes casos para respectar a conca e a contorna do río. Agora, o executivo local vai activar con celeridade este investimento, que xa conta co oportuno proxecto xa que era preciso para recibir as citadas autorizacións.
Esta actuación está cifrada en 687.000 euros, dos que 186.000 serán achegados polas arcas municipais e que xa están reservados despois de que o pleno aprobara esta partida na sesión celebrada hai uns días a través dun crédito extraordinario con cargo ao remanente de tesourería.
Relacionadas:
-
Os Baños de San Xusto reconverteranse en balneario, saunas e pozas termais
Por Redacción |
-
O proxecto para a rehabilitación da emblemática zona termal de San Xusto encara a recta final
Por Redacción |
-
Autorizan o acceso ás augas medicinais da Freixa
Por Redacción |
-
Investimento de 306.000 euros para a rehabilitación dos Baños de San Xusto e o local da Banda de Tenorio
Por Redacción |
-
A parcela dos Baños de San Xusto e a antiga minicentral serán municipalizadas
Por Redacción |