A Festa do Caldo de Mourente, declarada de interese turístico de Galicia
Por Oskar Viéitez
O Consello da Xunta aprobou a declaración de festa de interese turístico de Galicia á Festa do Caldo Galego de Mourente. Co seu recoñecemento, a comunidade conta xa con 120 son festas de interese turístico de Galicia, doce de interese turístico nacional e nove máis son de interese turístico internacional.
De acordo co procedemento regulado a través do decreto 4/2015, examinada a solicitude presentada pola asociación de veciños O Castro de Santa María de Mourente e emitidos os preceptivos informes, o Consello Galego de Turismo emitiu informe favorable ao respecto no mes de marzo.
A Festa do Caldo Galego de Mourente ten un compoñente gastronómico, a segunda motivación pola cal os turistas elixen visitar Galicia. Nesta cita os protagonistas son produtos típicos e procesos de elaboración e conservación tradicional transmitidos por vía oral de xeración en xeración. Neste sentido, esta festa contribúe á difusión deste patrimonio e á posta en valor dos produtos agroalimentarios da comunidade.
Turismo de Galicia conta cunha liña de subvencións para o apoio, promoción e difusión das festas de interese turístico de Galicia de máis de 300.000 euros.
Amais, esta declaración é un reforzo na promoción que o goberno autonómico leva a cabo nas súas diversas accións en diferentes países e nas 40 feiras do sector turístico en que participa cada ano, moitas delas a nivel internacional.
A Festa do Caldo de Mourente ten lugar entre o inverno e as primeiras semanas da primavera, o que contribúe á desestacionalización da demanda, un dos obxectivos marcados na citada estratexia do turismo de Galicia 2020.