Poio non renuncia a recuperar a bandeira azul de Xiorto
Por Redacción
A perda da bandeira azul para Xiorto sorprendeu no Concello de Poio. O goberno municipal entende que non hai motivos para a retirada deste distintivo e pediu explicacións á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), o organismo que concede este recoñecemento.
O Concello lembra que as análises das augas realizadas por Sanidade o pasado mes de novembro arroxou un resultado de "excelente" e a praia, do mesmo xeito que os anos anteriores, cumpre tamén con todos os requisitos de seguridade, limpeza, accesibilidade e servizos complementarios que esixe ADEAC para a concesión da bandeira.
ADEAC alega, segundo o goberno municipal, que o motivo está no "mal funcionamento" da depuradora, un equipamento do que Poio carece polo que o Concello non entende a que depuradora se refire e que, en todo caso, esta ausencia non fora un problema ata agora nas inspeccións realizadas polos técnicos desta asociación.
Ante esta situación, e aínda recoñecendo a dificultade de recorrer esta decisión e recuperar a bandeira este ano, o bipartito reitera que seguirá loitando para que ADEAC modifique o seu criterio e a bandeira poida ondear, do mesmo xeito que os dez anos anteriores, en Xiorto.
Para o PP, con todo, a perda desta bandeira azul é "a pinga que colma o vaso" do abandono que, ao seu xuízo, prodúcese en Raxó por parte do Concello e a "mostra definitiva" do "esgotamento político" do alcalde.
Os populares anunciaron unha campaña de protesta para lembrarlle ao alcalde que "Raxó existe" e que incluirá cartelería, folletos informativos e outras accións de protesta.
"Non nos estrañaría que, como fai sempre, despois dunha mala noticia Sobral se pasee en coche pola zona ou mande facer algunha chapuza para facerse perdoar, pero xa non coa", advirten os populares, porque os veciños "están cansados de que se rían deles e pretendan tomalos por parvos".