CCOO denuncia as continuas avarías dos elevadores do Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez
O secretario de organización de Comisións Obreiras remitiu un escrito ao xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Ramón Gómez no que lle traslada a "indignación" por como está a xestionar as continuas avarías que sofren os ascensores principais do Hospital Provincial.
José Luis García Pedrosa sinala a incidencia que provocan estas avarías na prestación de servizos de calidade por parte dos distintos colectivos que traballan no centro aos que "vostede está a boicotear, por ratear o investimento necesario" para o funcionamento normal dos ascensores.
O sindicalista acusa o xerente do CHOP de "realizar unha xestión propia dunha economía de guerra" que, ao seu xuízo, "atenta contra os usuarios e a propia dignidade dos traballadores afectados".
Asegura que Comisións Obreiras "non vai aceptar un día máis este estilo de xestión" que "está a poñer en risco a integridade física dos usuarios e do persoal que usa os ascensores" para que a xerencia presente uns bos resultados económicos, apunta García Pedrosa "con premio retributivo para vostede e aqueles membros do equipo directivo que non teñen escrúpulos en deteriorar a calidade da asistencia, pero que non dubidan en poñer a man para ser recompensados no complemento de produtividade".
Finalmente Pedrosa cualifica como "vomitivo" que a dirección do Hospital "potencia o enfrontamento entre os colectivos de traballadores" por este asunto e anuncia que Comisións Obreiras presentou unha denuncia na Inspección de Traballo solicitando a súa intervención e advirten que "actuaremos por todas as canles legais no caso de que se produza algún accidente".