Traballadores das ambulancias concéntranse para esixir un convenio "digno"
Por Redacción
Con concentracións, tanto no Hospital Montecelo como no Hospital do Salnés, os traballadores do sector das ambulancias saíron á rúa para demandar un convenio "digno". Foi durante a segunda xornada de folga que se viviu no sector.
A pesar duns servizos mínimos que, segundo os sindicatos, foron "abusivos" o transporte sanitario parou por completo na maioría das áreas sanitarias de Galicia e só entrou a traballar o persoal que estaba designado en mínimos.
Durante a protesta, os traballadores aproveitaron para repartir follas entre os usuarios da sanidade pública para explicar os motivos da folga e as súas demandas.
O persoal denuncia a situación de "abandono e desidia" cun servizo público básico como é o do transporte sanitario, cun convenio caducado dende hai máis de dous anos e coa pretensión da patronal de aplicar un descolgue de ata o 25% "dos nosos salarios e condicións laborais".
As empresas, sinalan desde a CIG, ameazan coa renuncia aos contratos alegando que non lle son rendibles, "cando gañaron os concursos públicos rebaixando as ofertas económicas ata nun 7% e agora pretenden que asuman esa perda os traballadores e traballadoras".
Isto ten deixado ao persoal, segundo o comité de empresa, nunha situación de "incerteza e precariedade" que ten consecuencias na calidade do servizo, ao non atenderse dende as empresas a limpeza e desinfección das bases, ambulancias e uniformes ou a mellora e conservación de materias e medios de traballo "nun sector tan sensible como este".
Mentres tanto, denuncian, o Sergas está "mirando para outro lado" e nos últimos tempos estase producindo un aumento dos servizos, "sen que isto leve parello un incremento dos cadros de persoal nin do número de ambulancias", o que está levando o sector "ao colapso", tanto na atención aos doentes como nas "excesivas" xornadas de traballo.
Os traballadores teñen convocadas novas xornadas de folga para os días 6 e 7 de xuño e 4 e 5 de xullo. Se continúa sen haber avances a folga pasaría a ser indefinida desde setembro.