Ponte Caldelas e Cuntis súmanse á ruta Vía Mariana, que unirá Braga con Muxía
Por Redacción
Os concellos de Ponte Caldelas e Cuntis sumáronse este venres na Franqueira (A Cañiza) á presentación da Vía Mariana, unha gran ruta luso-galaica do interior que unirá Braga (Portugal) con Muxía (A Coruña).
O proxecto presentouse nun gran acto celebrado na Franqueira coa asistencia dunha ducia de alcaldes das provincias de Pontevedra e A Coruña, entre os que estiveron os de Ponte Caldelas e Cuntis, Andrés Díaz e Manuel Campos.
A ruta, dividida en 17 etapas, busca promocionar o "deserto verde" da Galicia interior. No caso de Ponte Caldelas, o camiño entra polo sur procedente das Estacas (Fornelos de Montes) e sae en dirección norte por A Lama e Augasantas e Valongo (Cerdedo-Cotobade). Pasa polos camiños de Forzáns e Caritel e cruza o río Verdugo a través dos pasos de Portasouto, situado a carón do Foxo do Lobo de Laxoso.
O proxecto está a agromar co apoio do GDR do Condado-Paradanta coa colaboración dun grupo de historiadores, entre os que figura o caldelán Domingo Lopo. Será moi pronto unha realidade, pois está a piques de comezar a sinalización e marcado da ruta.
Os promotores destacan que non se trata dunha nova ruta xacobea, posto que só pasa por Santiago en dirección ao santuario da Virxe da Barca, en Muxía. Os camiñantes terán ocasión de visitar os máis significados templos da devoción mariana, co eixe central na Franqueira.
A intención é obter a cualificación de Itinerario Europeo da Cultura, un distintivo do que, agora mesmo, só dispoñen 32 roteiros.
Relacionadas:
-
Sinalizarán o percorrido da Vía Mariana por Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Posta de longo da Vía Mariana en Moraña cunha peregrinación aos Milagres de Amil
Por Redacción |
-
A Vía Mariana celebra en Cuntis a súa asemblea de socios
Por Redacción |
-
Moraña e Cuntis apoian a Vía Mariana e sinalizarán o seu paso pola comarca
Por Redacción |