A glorieta de acceso a Príncipe Felipe, unha solución "moi traballada" para mellorar a seguridade viaria na zona
Por Diego Espiño
As obras de construción dunha glorieta que regule o acceso á Cidade Infantil de Príncipe Felipe avanzan ao ritmo previsto e estarán concluídas "agardemos que dentro de 4 ou 5 meses".
Así o sinalou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, nunha visita á zona acompañado da deputada Eva Vilaverde e do concelleiro pontevedrés Demetrio Gómez.
Trátase, asegura Mosquera, de "unha solución extremadamente digna" e "moi traballada" para mellorar a seguridade viaria nunha zona que ata agora supoñía un perigo para peóns e vehículos por ser "un cruzamento francamente desafortunaado, en curva".
Non en balde, por Príncipe Felipe estímase que pasan a diario preto dun milleiro de persoas.
"Por outro lado había que mellorar o acceso para a propia dignidade do centro, xa que esta entrada parece máis a entrada doutro lugar, non dunha cidade infantil coma esta", engadiu o vicepresidente provincial.
Esta actuación, que conta cun orzamento de 417.435,81 euros, ten un prazo de execución de seis meses, e contempla a eliminación de barreiras arquitectónicas, con pasos de peóns elevados e cunhas beirarrúas "máis que dignas para que, polo menos, a xente á saída e á entrada do centro, dende o punto de vista do peón, poida facelo dunha maneira segura", explicou o enxeñeiro Jaime Ruibal.
Pola súa banda a deputada delegada de Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, recalcou que "é unha obra fundamental na que levamos empeñados dende o principio, dende que chegamos ao goberno", incluída dentro dun plan de melloras para resolver deficiencias no centro e "mellorar e dignificar" as súas instalacións.
Relacionadas:
-
Máis de 415.000 euros para mellorar e modernizar a entrada ao Centro Príncipe Felipe en Montecelo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Nova glorieta no acceso á cidade infantil Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A Deputación inicia este mércores as obras da nova glorieta de Príncipe Felipe
Por Redacción |
-
A Deputación adxudica a EC Casas a obra da glorieta e a mellora do acceso a Príncipe Felipe
Por Gabriela Varela Asorey |