"Alcalde... Raxó existe!"
Por Redacción
O Partido Popular de Poio vén de presentar una campaña que busca recordarlle ao goberno municipal a existencia de Raxó e denunciar a falta de implicación do Concello cunha parroquia na que viven máis dun milleiro de veciños.
Baixo o lema "Alcalde... Raxó existe!", os populares despregarán carteis e lonas pola vila e presentarán vídeos e accións na rúa para dar visibilidade aos problemas de Raxó.
A concelleira Tamara González, voceira do PP para Raxó, espera que a campaña sirva para chamar a atención sobre as consecuencia do "total abandono" da parroquia, na que o goberno "leva anos sen investir un euro".
Para a popular, este é o momento de levar a cabo unha campaña destas características, xa que "veciños, empresarios, hostaleiros, bateeiros, mariscadores, en definitiva, todo Raxó está cansado de desprezos e de sufrir as consecuencias da falta de interese de Sobral".
A edil do PP incidiu na falta de investimentos e servizos, con zonas da parroquia sen sumidoiros nin separación de augas pluviais e residuais, o problema das beirarrúas da PO-308 ou a falta de apoio a eventos culturais e deportivos como mostras do abandono de Raxó.
González advertiu aos membros do bipartito que, tal como están tratando Raxó, "non se entendería que ningún veciño desta parroquia votase polo BNG ou PSOE nas próximas eleccións municipais" xa que o descontento cidadán na parroquia está nun grado máximo, polo que non descartou que esta campaña dea lugar a mobilizacións máis adiante.