Xunta e Deputación renovan esforzos na súa guerra biolóxica
Por Oskar Viéitez
O nematodo e o chancro resinoso do pino, a flavescencia dourada da viña, a morte repentina do carballo ou unha praga de recente aparición en Galicia que afecta ao kiwi son algunhas das pragas contra as que combaten na súa particular guerra biolóxica a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Medio Rural e de Mar.
O presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, e a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, asinaron este venres un convenio que permitirá que os servizos técnicos da consellería e os equipos de investigación da Estación Fitopatolóxica do Areeiro traballen conxuntamente para garantir a saúde da produción agroforestal galega.
O convenio establece unha serie de estudos e seguimento de pragas e enfermidades que o Areeiro realizará en toda Galicia e que afectarán ás principais producións agrícolas e forestais de Galicia.
A Consellería financiará con 120.000 euros os estudos para a detección e control do chancro resinoso do pino; do nematodo da madeira do pino, que se propaga moi rapidamente a través da madeira infestada, polo que se farán análises de madeiras e prospeccións en 1.011 zonas de Galicia.
Tamén estudarán a denominada morte repentina do carballo (Phytophthora ramorum) que afecta tanto a esta árbore como ao rododendro ou a camelia e que se estudará sobre todo en parques, xardíns e viveiros de Ourense e Pontevedra; o lume bacteriano, que afecta a especies de rosácea, como a pereira ou a maceira; unha praga do kiwi de recente aparición en Galicia (Pseudomonas syringae) e que está a provocar grandes danos nas plantacións deste froital; e a pulga da pataca (Epitrix spp) que apareceu en Galicia en 2009.
Así mesmo, a Estación Fitopatolóxica seguirá a traballar nas liñas de análise, detección e control que ten en marcha na actualidade sobre a flavescencia dourada da viña, que provoca unha caída na produción e a morte das cepas; a Diabrotica Virgifera, que é un verme que afecta ás plantacións de millo; o picudo rojo e a oruga perforadora que afectan ás palmeiras; a toxoptera citricida, que afecta aos cítricos; o Trips palmi que é un insecto que dana numerosos cultivos de hortalizas; e a Phytophthora alni, detectado en 2009 pola estación fitopatolóxica e que actúa en ameneiros de toda Galicia.