A xogar na Alameda coa lingua galega da man dos Bolechas
Os personaxes dos Bolechas foron os protagonistas na inauguración da mostra participativa, que baixo o título 'Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego', abríase este venres no paseo de Montero Ríos, fronte á Deputación Provincial.
Na carpa, os pequenos dos centros públicos de primaria poderán gozar ata o vindeiro 29 de maio das numerosas actividades que se desenvolven neste espazo onde hai diferentes departamentos para aprender o idioma galego en instalacións como a denominada 'O chan', que ofrece un mapa de Galicia onde os menores poden coñecer as variantes da lingua segundo as zonas.
A esta singularidade referiuse o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante o acto inaugural sinalando que na zona de Vilalonga, onde naceu, os verbos conxúganse doutra maneira e fixo referencia á frase do futbolista que, nunha entrevista, dicía que para marcar el gol "controlín, mirín, tirín e metín". O rexedor tamén puxo de exemplo unha frase de Castelao na que afirmaba que "para idioma universal xa está o que falan os animais, as persoas temos a lingua que nos é propia, que é a nosa bagaxe cultural característica do lugar no que vivimos".
O deputado de Cultura Xosé Leal manifestou que "son os nosos pais, nais, avós e avoas as que preservaron realmente o idioma e as que conseguiron que se manteña vivo ata hoxe en día con todas as súas especificidades".
O percorrido pola carpa permite pasar por diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase xa na entrada coa 'Porta das palabras', onde os rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e un acceso particular. Séguenlle 'A xanela' con paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e o 'Toque-toque', unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos.
O eixo central é o 'Faladoiro', onde se poderán vivir de preto as aventuras dos personaxes dos Bolechas. Tamén hai espazo para unha piscina de pelotas de cores con nomes e zonas multisensoriais, entre outras opcións neste universo de palabras para relacionarse coa lingua galega.